O optimismo da amabilidade

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Pilar Canicoba

07 oct 2022 . Actualizado a las 11:50 h.

«Hay tiempo de comer sin problema», dicía un señor moi amable dende a súa terraza mentres o volcán de Cumbre Vieja, nas inmediacións da zona, entraba en erupción. O famoso vídeo viralizouse hai un ano, cando da catástrofe, polo cómico e temerario da actitude do veciño, pero tamén coma un exemplo de optimismo ante a dificultade. Na vida nunca está clara a fronteira entre inxenuidade e imprudencia. Un manto de lava comezaba a cubrir a illa da Palma e no medio do desastre había alguén pensando que aínda estaría a tempo de mangarlle un salpicón. Así a todo, é xusto dicir que con estes optimistas cómpre ir a todas partes. Son os que nos collen do ombro cando se anuncia treboada e nos ofrecen compañía nun bar. Os que confían en gañar nos penaltis. Os que non sofren un ataque de angustia o domingo seguinte ao cambio de hora invernal, cando outros perdemos o rumbo da existencia ao comprobar que se nos fai de noite ás seis da tarde. Desa xente cun verán invencible no corazón (e apetito a proba de bomba) hai que saber rodearse.

A amabilidade debería considerarse coma unha das expresións máis requintadas desa virtude chamada optimismo. Esa certeza de que o outro, ao que non coñecemos de nada, merece un trato considerado aínda que sexa luns pola mañá ou veñamos de pagar a factura do taller do coche. Quizais sexa o último e verdadeiro refuxio da transgresión. Ser cordial, tender sen medida ao exercicio da benevolencia. Que vén sendo unha persoa rebelde?, preguntábase Albert Camus. Un individuo que di «non», escribiu no lendario arranque de O home rebelde. Habería que engadir que alguén disposto a impugnar estes tempos tan malencarados tamén está obrigado a ser amable. Quen non se enche de optimismo cando se atopa coa amabilidade na consulta do médico, no trámite administrativo ou na cola do supermercado? Todos caemos rendidos ante esa maxia do espírito. Estes días non paro de ver xente á que admiro intelectualmente (ás veces non mo poñen moi doado) zoscándose en Twitter á conta da guerra en Ucraína. Grandes detectores de fascistas aquí e acolá e, en xeral, pouco amables nas formas. Xa sei que non se estila moito a cortesía nas redes —hai excepcións, malia que a broza troleira fai tolear co ruído— e que un autócrata está xogando coa ameaza nuclear. Pero hoxe son optimista: penso que aínda temos tempo de xantar sen problema.