O poeta da fondura que se fai lixeira

FUGAS

Pinto&Chinto

Ismael Ramos medrou coa curiosidade do mundo, da man dos avós, da nai e dos contos de Eva Luna. A poesía é para el «unha ferida sen coitelo». A súa namora conciliando ironía, nostalxia e esperanza

14 oct 2022 . Actualizado a las 21:55 h.

O pasado venres recibiamos con entusiasmo a noticia de que Ismael Ramos obtiña o Premio Nacional de Poesía Joven 2022, unha faísca que prendía as redes de orgullo polo seu éxito, que era, en realidade, o dun país. Ao igual que nos pasou o ano pasado con Xesús Fraga, ou en anteriores ocasións con Pilar Pallarés, Olga Novo ou Alba Cid, cando se recoñece unha obra escrita en galego fóra do noso ámbito é unha felicidade colectiva, tamén un triunfo. Como escribía Yolanda Castaño —membro do xurado que outorgou o premio a Ramos—, estes recoñecementos son de todas, especialmente das persoas que manteñen o faro aceso e teiman en escribir, editar, recitar, analizar, divulgar ou estudar poesía no idioma propio.

Algunha vez, Ismael comentoume que seus pais, igual que os meus e os de tantos outros, son os verdadeiros galeguistas: aqueles que conseguiron transmitirnos a lingua sen complexos para agora nós termarmos dela. Súa nai, que o tivo moi nova, renunciou a seguir estudando para comezar a traballar e crialo con toda a dedicación. Nos seus versos é unha presenza constante e dela naceu o amor pola literatura, pois de neno non había día en que non lle achegase unha historia, incluso lle lía en alto os libros dos que ela desfrutaba. Recorda Ismael unha lectura na cama, tombados, e na voz da nai os Cuentos de Eva Luna, de Isabel Allende. Logo el aprendeu a ler só e facíao vorazmente, ata o punto que súa nai lle comentou a un familiar que «Ismael le como outra xente come iogures».

Naceu coa curiosidade do mundo, por iso lle gustaba pasar horas no bar dos seus avós escoitando conversas adultas detrás do mostrador. Alí oíu moitas historias —como Cunqueiro na botica do pai—, aquela foi a súa primeira escola, apegada á sabedoría popular, a que falaba de botar o aire, encomendarse aos santos, a cara máis áspera do rural e outros rituais que tan presentes están en Lumes, o seu segundo poemario.

Cada ano procuro un encontro do meu alumnado con Ismael, pois sei que se producirá un frechazo. Comeza sempre explicándolles con sinceridade que gañou o seu primeiro concurso cun poema copiado que presentou ao certame das Letras Galegas do colexio, uns versos sacados dun libro do seu antigo centro que conservaba na casa. Claro que ao ano seguinte xa non tiña ao alcance un poema que plaxiar, polo que decidiu escribilo el e resultou novamente triunfador. Dende esa non deixou de crear, facíao ata ben entrada a noite e seus pais, cómplices, sempre entenderon as horas que restaba ao sono. Non só Ismael tomaba en serio a escrita, tamén a familia, e iso facilitoulle o camiño.

Os fillos da fame foi o seu primeiro poemario. Lembro o medo a enfrontarse ao público e tamén a emoción de esgotar unha edición en menos dun mes. No poema final escribe: «Case non hai pobo, pero está aí», e para el publica. Hai uns meses, ante o asasinato dun rapaz homosexual na Coruña, sentiu a necesidade de plasmar nun artigo a súa repulsa, a súa impotencia, e enviouno a un xornal dixital porque precisaba que o lesen. E sen pretendelo, encargáronlle un artigo cada quince. O medo e a liberdade inspiraron «Mentres tanto, dáme a man», co que gañou o Lueiro Rey de xornalismo hai escasas semanas. A voz de Ismael na prensa é valente, combativa, pero sen perder a proximidade, sen renunciar a contar o mundo dende o eu, dende a familia.

«A poesía é unha ferida sen coitelo», escribiu; a súa, sutura coa vida, cos afectos e proe coa incerteza do futuro da súa xeración, coa precariedade, tal e como nos fai sentir ao longo dos versos de Lixeiro. E nese desencanto é quen de facer poesía que conxuga a ironía e a nostalxia, tamén a esperanza. Así é el, preocupado e defraudado por veces, pero con ganas de turrar pola vida, polas ideas nas que ten convencemento e de aí nace a súa voz valente que acariña, pero tamén sinala.

Con 28 anos, ten un proxecto sólido de escrita. A comezos do vindeiro ano dará ao prelo un libro de relatos e, como xa lin moitos deles, sei que non defraudará. Nunca o fai, nin na escrita nin na vida, ten a honestidade nos ollos, naqueles que miraban por riba do mostrador e nestes que reciben premios sabedor el de que «todo é irreal e é certo».