Nós, que fixemos a gran revolución

Diego Ameixeiras

FUGAS

Joseph Conrad
Joseph Conrad INTERNET

04 nov 2022 . Actualizado a las 11:14 h.

Con frecuencia revestimos o noso pasado con imaxinarios honores de guerra —«Eu vin atacar caixeiros automáticos máis alá de Orión»— e pedímoslle á mocidade de hoxe que saia á rúa para mudar o rumbo das cousas, que abandone a súa pasividade e abra as grandes alamedas coma disque fixemos outros cando inauguramos os vinte anos vivindo un maio francés permanente. A demanda sérvenos para quitarnos responsabilidades sobre os nefastos tempos que corren e, de paso, embelecer aquela época de treboada hormonal con barricadas de gloria nas que sempre había lista de espera para coller sitio. Pero estaría ben descubrir onde estaban daquela, en realidade, moitos destes insistentes fabuladores do pasado que agora non deixan pasar a ocasión de sacar o azucre revolucionario e cantarlle á nostalxia das batallas perdidas. Tentando mudar de verdade o mundo con frenesí xuvenil, segundo a pureza das ideas que defendían? Pode ser. Ou impugnando nas rúas, ao saír de clase, un sistema ao que pronto se subirían como parte dunha aristocracia ben alimentada que hoxe prega o cello indicándolle aos novos cal debería ser o seu camiño para ver a luz? Todo son enigmas.

Ocorre que esa crítica panorámica aos hábitos da mocidade, froito da nugalla intelectual de quen os observa con desdén e catorce pagas, maniféstase no intre en que os que levamos por aquí algo máis de tempo, cansos e con presbicia, dimitimos de comprender a verdadeira extensión do presente. Toda xeración é revolucionaria ao seu xeito porque os que imos peiteando canas, enchidos de superioridade moral, nunca chegaremos a entender a determinación dos novos en obxectivos para os que non estamos convidados. E tanto reproche ao presunto inmobilismo da rapazada evidencia a necesidade que teñen unhas cantas vellas glorias de seguiren sendo o centro de atención e saír na foto ao prezo que sexa. Da mesma maneira que ser radiantemente mozo consiste en sentirse un xigante con licenza para vociferar e ir gastando enerxía en propósitos que moitas veces non levan a ningures (porque aprender é iso), a arte de facer anos sen caermos no ridículo debería ir acompañada dun perfeccionamento no oficio de saber estar calado e deixar as ansias de protagonismo gardadas nun caixón da casa. Rematemos, por suposto, co que Joseph Conrad agardaba da vida: «O coñecemento dun mesmo, que sempre chega tarde, é unha colleita de remordementos inextinguibles».