Hibridación

Ramón Nicolás

FUGAS

A escritora Sica Romero.
A escritora Sica Romero.

o debut de Sica Romero supuxo tamén a estra dun novo selo editorial

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Apareceu no mercado este debut de Sica Romero hai xa algúns meses, no que tamén supuxo a estrea dun novo selo editorial baixo o nome de Nêspera Editora. Acabou, con todo, nas miñas mans hai poucas semanas e teño para min que, malia non se tratar estritamente dunha novidade, é un texto de longo alcance do que se fai necesario dar conta e non unicamente porque testemuñe a existencia dunha nova voz, singular e indubidablemente interesante.

Avelaíñas eléctricas, que encerra no seu título unha inequívoca lectura metafórica e dalgún xeito ambigua, é un exercicio marcado, a meu ver, pola hibridación, a heterodoxia, a querenza interxenérica e un experimentalismo que non dá as costas á axilidade narrativa. Intención en parte renovadora que tamén abrangue a tipografía, as imaxes e o tratamento discursivo, inzado de xogos literarios ben pouco habituais hoxe, creo que nada gratuítos e nos que sempre latexa un significado final.

Nestas páxinas vertébrase un fío argumental rexido por fragmentos poéticos de Rosalía de Castro que talvez inspiren boa parte destas historias e centrado nunha relación complexa entre dúas personaxes mozas situadas na vintena —Olivia e Mariña, deseñadas psicoloxicamente con indubidable acerto— que rompen unha relación de amor e nas que se rexistra unha mudanza radical nas súas vidas, algo palpable tanto externa como internamente pois ambas as dúas atesouran na súa bagaxe persoal unha traxectoria na que resultan claves experiencias traumáticas e de natureza violenta que, por extensión, actualizan temáticas de sempre agora proxectadas nos nosos días con outros disfraces e tonalidades. Vidas que, igualmente, son operativas para falar do amor, das precariedades, das adiccións, das doenzas mentais, da sexualidade ou da familia.

A novela demanda, ou propón se quer, unha complicidade que, ao mesmo tempo, resulta afortunadamente esixente e na mesma medida gratificante. Con ela percorremos vivencias e sentimentos a través dunha expresión debedora da oralidade —velaí a presenza no rexistro expresivo da variante dialectal da Costa da Morte— a carón dunha forte carga poética que singulariza esta prosa, ou ao contrario se se quer. Unha proposta que entendo como sólida, esperanzadora e suxestiva.

Que veñan moitas máis.