Os días galegos de Cortázar

FUGAS

O escritor Julio Cortázar.
O escritor Julio Cortázar. AURORA SANCHEZ

«No hay que creer en las brujas, pero las hay», escribiu o xenio, que tivo grandes amigos galegos, e non se resistiu a bañarse nesta beira do Atlántico e a degustar a empanada e o polbo á feira

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Cortázar naceu na embaixada arxentina en Bruxelas, o certo é que a súa patria infantil foi Bandfield, un arrabalde ao sur da capital bonaerense ao que chegou con catro anos e dende onde foi interiorizando aquela maneira de vivir e de ser da súa veciñanza. Na súa lembranza, personaxes, historias, rúas, estacións ou aquel xardín con gatos, cans e outros animais que aparecen nalgúns dos seus inesquecibles contos. En Bandfield, o pequeno Julio asistiu á escola que hoxe leva o seu nome, alí sentiu o amor por vez primeira cando só tiña doce anos, quizais xa daquela experimentou ese «rayo que te parte los huesos y te deja estaqueado en la mitad del patio». Para entón, xa devorara centos de libros e era tal a súa entrega que a nai sentía preocupación por aquela paixón do fillo que o absorbía horas e horas, mentres os rapaces enredaban co balón nas rúas. Pola contra, el xogaba a escribir, «pero juego en serio», por iso, aínda que as primeiras aventuras literarias non acadaran a repercusión desexada, mantívose na partida coa literatura, onde se revelou coma un dos mellores.

Dende aquel 26 de agosto de 1914 todo o que rodeou a súa intensa vida ten interese e, por suposto, aqueles aspectos que o vinculan con Galicia. Hai case unha década tiven a fortuna de pasear unha tarde por Buenos Aires da man do escritor Francisco X. Fernández Naval, quen me descubriu a pegada daqueles homes e mulleres que cruzaron o Atlántico sen esquecer de onde procedían. Aqueles galegos levaron a súa cultura, pero non se pecharon a enriquecerse coa do pobo de acollida. Para entón Fernández Naval xa publicara Respirar polo idioma (os galegos e Julio Cortázar), un estudo que ampliaría despois dando ao prelo O soño galego de Julio Cortázar. Aquel serán de abril non só me mostrou como a lúa rodaba por Callao, como no tango de Piazzolla, tamén imaxinamos a Arturo Cuadrado deambular co libro La otra orilla, que lle entregara Cortázar para que o editase con ilustracións de Seoane, aínda que foi un proxecto fanado e, finalmente, sairía do prelo en 1951, no selo Sudamérica, baixo o título Bestiario. O escritor de Bandfield era amigo de Cuadrado e Seoane, polo que por forza tamén o era de Lorenzo Varela; os tres dirixían a prestixiosa publicación Correo Literario onde aparece o segundo relato do arxentino, «Bruja»; era o ano 1944 e, de seguro, aqueles galegos cos que convivía non deixaran de falar das meigas, nun país en que non existen. E, máis adiante, titula un dos capítulos de Los autonautas de la cosmopista: «No hay que creer en las brujas, pero las hay, las hay», unha fórmula ben coñecida para nós.

Descubrir a Rosalía e Castelao

Con todo, se hai que destacar a un galego na vida de Cortázar este é Francisco Luís Bernárdez. Como tantos outros nacera xa na Arxentina, pero as súas orixes eran galegas e na mocidade pasara unha tempada na terra dos seus antepasados desenvolvendo un destacado labor como xornalista. Da súa man coñece Cortázar a literatura de Rosalía de Castro ou de Castelao e, co tempo, intimará coa súa irmá pequena, a brillante tradutora Aurora Bernárdez. Con ela asiste á Federación de Sociedades Gallegas a unha conferencia impartida por Paco Luís sobre a autora de Follas novas, o poemario de Rosalía do que máis gustaba Cortázar. Imaxínoo entrar no edificio co seu impoñente metro noventa, imaxínoo admirar a loita daqueles máis de 15.000 socios e socias que defendían a república fronte ao franquismo e que constituían unha caixa de resonancia do pensamento democrático das súas xentes.

En tranvía de Vigo a Lourido

Cortázar embarca rumbo a París e non tardará en saír ao seu encontro Aurora. Alí el comeza a escribir Rayuela, e no caderno de bitácora da novela aparece recollida a nosa voz: mariola. Como nas demais ocasións, envía o manuscrito ao seu editor, o galego Francisco Porrúa, que apostou polo autor cando aínda era un descoñecido para o gran público. Con anterioridade, e despois de toda unha vida rodeado de galegos, e de varios anos de matrimonio con Aurora, por fin pon pé en Galicia, primeiro en Compostela e despois na estación de tren de Vigo, onde colleron un tranvía ata Lourido. Mentres recorre a costa contempla a fermosura da que lle falaran os amigos e tamén Aurora e, aínda que aquel mes de xullo non fora moi cálido, Cortázar non se resistiu a un baño nesta beira do Atlántico. Durante tres semanas gozaron dos piñeiros e dos hórreos, cruzaron a ponte da Ramallosa, fixeron escapadas a Pontevedra e gozaron do polbo e da empanada, aínda que este último prato facíallo Aurora pola receita da nai, que tanto deleitaba ao escritor. Nunca esquecería eses días de felicidade en 1956 e 1957 e sempre mantivo aceso o desexo de volver, pero os camiños da vida levárono a outras xeografías. Sexa como for, o Cronopio maior está en nós e a súa literatura segue a desbordarnos a alma.