Non profanar a luz do candil

Diego Ameixeiras

FUGAS

27 oct 2023 . Actualizado a las 12:55 h.

Todos os terrores da infancia, de súpeto, cabían dentro dunha lendaria película de Jorge Grau: No profanar el sueño de los muertos. Daquela non me deixaron vela, pero foi peor imaxinala. O título incluíase nas últimas páxinas do xornal, entre a programación televisiva da noite, e asimilar ese mandamento, sendo cativo, deixoume paralizado durante un mes. Había que ter coidado cos defuntos. Se os molestabas, ata eran capaces de aparecerse para botar a partida na taberna, coma o médico resucitado por Ánxel Fole en «Viña do alén!», o primeiro conto de Á lus do candil. Pero daban máis medo se non se facían visibles. Daban máis medo se quedaban detidos na beira do inframundo, suxeridos por títulos de películas que aínda non che permitían o luxo de ser o seu espectador. Por iso foi unha experiencia terrorífica non ver nin unha soa imaxe de No profanar el sueño de los muertos. Imaxineina con tanto detalle antes de durmir, durante semanas, subxugado polo pánico que me suscitaba o título, que aínda hoxe conservo na cabeza fotogramas de zombis italianos que só inventei eu. Superiores aos de Jorge Grau.

Roman Polanski levou á pantalla os terrores literarios de Ira Levin, adaptación que en España se decidiu comercializar cun emblemático spoiler: La semilla del diablo. Un título así, sen ver a película, tamén me provocou algúns calafríos de primeiro grao, aínda que neste caso por vía exclusivamente satánica. O demo e a súa semente, coma o mandato de non profanar o soño dos mortos, eran palabras que non se podían pronunciar sen ser axitado por espantos moi profundos. Ninguén discute que o filme de Polanski é unha obra mestra da insinuación: cúspide do terror psicolóxico, incomoda sen sangue nin efectos especiais, xogando con mestría as cartas da ambigüidade. Así o comprobei cando por fin puiden vela, superadas as restricións da infancia. O bebé de Rosemary deixa un sabor a óxido na gorxa. E tanto que si. Pero nada me espertou un horror semellante como cando me encarguei eu de dirixir a película, anos atrás, fantasiando co que prometía aquel título aterrecedor —La semilla del diablo— destacado entre a programación televisiva do xornal.

Nesa viaxe cara á adolescencia, imaxinando filmes de medianoite catalogados con dous rombos —un código de TVE que mandaba os pequenos á cama—, debín ler por primeira vez a Ánxel Fole. Lembro algúns pánicos trasladados dende as terras do Courel ata o meu cuarto en Ourense, con lobos e premonicións, pero nada comparable ao que padecín estes días, cando a proximidade do Samaín me devolveu á lectura de «Viña do alén!». Non sei se foi porque lle atribuín ao médico non-morto as faccións de Vincent Price —en calquera das adaptacións de Poe que dirixiu Roger Corman—, ou porque me botei ás páxinas de Á lus do candil coa mesma fraxilidade de Mia Farrow convertida en Rosemary nun piso fronte a Central Park. Pero podo asegurar que cando rematei os contos, ademais dun lóstrego no cumio do Pía Paxaro, escoitei na miña cabeza unha voz advertíndome nun perfecto italiano de Lugo: «Non si deve profanare il sonno dei morti».