Contaba Álvaro Cunqueiro que a literatura rusa estaba dominada polo asubío dun tren que cruzaba a noite. Non sei se da galega, onde o tren está presente desde Curros, se podería dicir o mesmo pero xurdiume a asociación ao acabar a lectura deste Río Miño. Unha viaxe entre solsticios, cando Xesús Fraga conta como polo balneario da Arnoia -non a Seca, que esa é de Gomesende- oíron un estrondoso zunido de grilos que xustamente varrera o ruído que facía un tren ao avanzar na escuridade coma se o fixese sobre o río e non sobre raís. Esta é só unha das historias cargadas de plasticidade que no libro se conxugan con outras resultado de providenciais encontros ou laboriosamente documentadas. Todas elas relatadas con excelencia e que foron merecentes, nunha versión castelá, do Premio Eurostars de narrativa de viaxes.
Fraga percorreu, ao longo de seis meses, o Miño desde o pedregal de Irimia, na serra de Meira, ata a súa desembocadura nas terras da Guarda. E conta como foron eses días, como percorreu os leitos e canles sinuosas do río, con quen viaxa, a quen atopa, que descobre, que bota en falta e, ao tempo e por extensión, con todo iso elabora unha cartografía -non sei se á mantenta mais sospeito que si- de todo o que o río reflicte de nós, isto é, de todo aquilo que rodeou as súas mutacións ata coñecelo como hoxe é, encoros e explotacións eléctricas incluídas.
Bernardo Atxaga bautizou como “curvas” aqueles excursos narrativos resultado de asociacións irrefreables que se coan na súa obra. A Fraga ocórrelle, felizmente, algo así. Un comeza a coñecer tal ou cal acontecemento e acaba por revelársenos unha anécdota ou un suceso aínda máis relevante, se cadra non tan importante para a Historia escrita en maiúsculas pero si para a historia cotiá das xentes que habitaron e habitan este río e para todo aquilo que o Miño significa aínda para nós.
O que un podía saber sobre o río, alén do experimentado, encerrábase en Os ríos galegos, de Otero Pedrayo ou nos Contos do Miño de Eliseo Alonso. Arestora, esta visión literaria e xornalística de Fraga, con moito de reportaxe e, ao mesmo tempo, abrazada ao ronsel da memoria, é xa unha das fontes inescusables para saber máis do Miño, que é tanto como dicir para saber máis de nós mesmos.