Nova abordaxe á obra rosaliana

Ramón Nicolás

FUGAS

Anxo Angueira, en Santiago, cunha edición recente de Rosalía de Castro.
Anxo Angueira, en Santiago, cunha edición recente de Rosalía de Castro. Sandra Alonso

Anxo Angueira agasállanos cun material de inequívoco interese baixo o rótulo de «poesía dispersa» 

12 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor, ensaísta, narrador e poeta Anxo Angueira dedicou e dedica boa parte do seu quefacer como investigador á difusión e estudo do legado rosaliano. Presidente, desde o ano 2012, da Fundación Rosalía de Castro, foi directamente responsable de reedicións anotadas con rigor, desde hai case dez anos para acó, de títulos como Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar: todos eles publicados en Edicións Xerais e nos que resulta imposible non atopar sempre, aquí e acolá, unha nova e suxestiva interpretación, un matiz ou unha lectura distinta que ilumine algún ángulo que se cadra se fai necesario volver revisar.

A ese proxecto global que persegue recoller a produción poética rosaliana engádese arestora un groso volume que reproduce dous libros fundamentais na traxectoria creativa de Rosalía de Castro como son La flor e A mi madre, precedidos do preceptivo estudo introdutorio e culminados cun importante bloque que explica a fixación textual aplicada e un conxunto abondoso de notas e comentarios que axudan a comprender na súa totalidade estes títulos considerados libros de poemas menores cando, nin histórica nin literariamente, o son. E Anxo Angueira explícao ben ás claras.

Aínda máis: o editor agasállanos aquí cun material de inequívoco interese baixo o rótulo de «poesía dispersa» que incorpora, así, poemas que se engadiron en diversas edicións dos seus libros máis coñecidos; os que desta índole formaron parte das súas Obras completas; aqueloutros aparecidos en diversas publicacións —como os que acolleron os Cuadernos de Estudios Gallegos entre 1944 e 1968— e, por exemplo, os que se deron a coñecer nos Inéditos, de Juan Naya, ou os que viron a luz tanto nas Actas do Congreso Internacional de 1985 como os que se revelaron cando a celebración dos cento cincuenta anos da publicación de Cantares gallegos.

Completa este importante volume, por fin, unha breve sección sobre traducións rosalianas que entendo como escasamente coñecidas e que poñen o ramo a unha achega que posibilita entrarmos, de novo, nun territorio singular e irrepetible como é a poesía de Rosalía, onde nunca hai un verso menor.