Con todos os matices que queiramos poñerlle, pero hai anos que o cine español se enfronta á realidade lingüística do Estado cunha naturalidade impensable noutras épocas. A diferentes ritmos, e en ocasións con recoñecemento nos mellores festivais, podemos ver como cada tempada accede ás carteleiras unha lista máis ou menos extensa de filmes en catalán, galego e éuscaro merecentes de aplauso. E non semella que España estea en proceso de desintegración por iso. Ao contrario, existe un público activo que interpretou o cambio coma un síntoma de normalidade cultural, sen prexuízos. Un público para as historias de Matria, Creatura, 20.000 especies de abejas ou O corno, por poñermos algúns exemplos onde se reflicte ese espírito en marcha. O asunto responde a unha idea de ecoloxía lingüística bastante razoable: a mesma que permitiu o acceso dos idiomas cooficiais ao Congreso para reflectir simbolicamente a pluralidade dun país. Un avance que dende varias frontes se entendeu coma unha película de terror carísima e inviable, contaminada por delirios identitarios, pero na que meses despois non se acaba de detectar ningunha apocalipse.
Aínda que se consideraba unha aspiración lexítima, durante moito tempo impúxose o criterio de que rodar un filme na nosa lingua supuña condenalo á irrelevancia fóra das nosas fronteiras. Amputábaselle, dicían algúns, a posibilidade dun percorrido comercial. Prevalecían complexos históricos e unha percepción de Galicia como fornecedora exclusiva de paisaxes ou acompañamentos pintorescos en segundo plano. Por sorte, unha xeración de cineastas sepultou esa visión tan funesta e conseguiu regalarnos nos últimos anos un feixe de títulos imprescindibles en galego cos que o noso cine non só colleu novos folgos, senón que tamén se proxectou internacionalmente. Afeitos como estamos a lamentar tantas derrotas culturais, por fin somos conscientes do avance que iso significa para un país que, por outra banda, aínda conserva certa tendencia a repregarse e a autoesixirse algúns certificados de pureza. Canda o resto de candidaturas, estaremos atentos á pegada que deixan Matria e O corno nesta edición dos premios Goya. E farémolo a pesar de que dende as institucións se insista no plan de abandonar o idioma á intemperie. Esa si que é unha película de terror que está durando demasiado. No ángulo oposto fai cine esta xeración de homes e mulleres tan brillante.