Sempre seguín, e sigo, con interese as achegas que o profesor Claudio Rodríguez Fer vai deixando, ao longo do tempo, tanto no ámbito poético como no referido á investigación literaria. Non logro recordar, e ben que me gustaría, a razón que explica como chegou a min pouco tempo despois da súa aparición en 1987 un exemplar deste libro que agora me ocupa —Lugo Blues—na súa primeira edición, que contaba con fotografías de Eduardo Rodríguez Ochoa e fora publicado polo Concello de Lugo. Lembro, iso si, o impacto que me causou unha estética que facía confluír unha calidade poética indiscutible coa pegada da memoria, persoal mais tamén colectiva, que se incardinaba na cidade de Lugo, cidade que daquela un asociaba a un enigmático poema de Celso Emilio Ferreiro titulado «Quero ir a Lugo» e a outras voces que a habitaban ou habitaron como Luís Pimentel ou Ánxel Fole. Xustamente a primeira parte do libro —«Sempre Lugo»— arrinca con dúas citas dos autores devanditos e outra de Castelao e á memoria de Fole dedicouse e dedícase este libro que incorpora un fantástico e heterodoxo corpus de ilustracións a cargo da pintora Sara Lamas, realizado con diversas técnicas artísticas.
Este Lugo Blues, así pois, volve case catro décadas despois e non hai máis que abrilo por calquera páxina para confirmar que estamos diante dun libro polo que o tempo pasou para ben. Trátase dunha edición enriquecida, de carácter compilatorio, con varias composicións de temática lucense que foron vendo a luz en diversos libros do autor como foron Extrema Europa, A loita continúa, Ámote vermella, Unha tempada no paraíso e A muller sinfonía.
Sinálase desde a editorial que este libro entende Lugo como refuxio mais tamén como espazo desde o que «trazar a medida do mundo»: quen dubida que este é un dos seus valores, que irmanda a memoria de Lavadores, con Urania Mella por medio, con Lugo; a Lorca, Ángel Johán, Díaz Baliño e Juana Capdvielle con Lugo; a memoria da vida con Lugo, sen esquecer os seus territorios e a cadencia da súa historia. Cada vez visito a cidade amurallada é imposible facelo sen pensar neste libro e noutros de Pimentel, Fole, Paco Martín ou Xosé Miranda, por só citar algúns nomes. Letras e poesía sempre en Lugo.