«Matadoiro cinco», de Vonnegut: unha voz ecléctica fronte á escravitude infantil

Ramón Nicolás

FUGAS

Probablemente, unha das voces máis eclécticas da literatura estadounidense do século XX, agora en galego grazas a Estela Villar

05 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Kurt Vonnegut (1922-2007) naceu en Indiana e alistouse no exército estadounidense en 1943. Destinárono a Europa e, tras quedar illado do seu batallón e vagar durante días polas liñas inimigas, foi capturado e encarcerado en Dresden, onde asistiu ao bombardeo aliado da cidade.

Algúns anos despois desta traumática experiencia á que logrou sobrevivir decide darlle forma ao que será unha das propostas literarias do século XX máis marcadamente antibelicista. Afastado de vocación idealizadora ningunha, mestura doses de ficción histórica e páxinas semiautobiográficas cun sorprendente recurso argumental que arrastra a novela cara aos eidos da ciencia ficción. É talvez esta filiación a que fai brillar por contraste a vontade satírica que a domina, virada tantas veces cara ao esperpento, para revelarnos as experiencias que vive ese alter ego do autor chamado Billy Pilgrim durante a Segunda Guerra Mundial.

Velaí como Matadoiro cinco, título que fai referencia ao lugar no que Vonnegut foi recluído como prisioneiro de guerra —un soto destinado a empaquetar carne—, matizado cun subtítulo inesperado como é A cruzada dos nenos co que alude comparación da guerra coa escravitude infantil, consegue converternos en cómplices para circularmos por unha acumulación de viaxes no tempo e no espazo que outorgan á novela un tránsito constante que, coma se os fragmentos fosen o alimento desa dinámica, ofrece panorámicas da vida de Pilgrim, cada vez sometido a unha maior presión e máis deshumanizado ata converterse nun obxecto de divertimento ao tratáreno como unha mascota que se exhibe nun zoo de Tralfamador: espazo distópico no que os seus habitantes viven en catro dimensións despreocupados. Ao distanciamento e escepticismo respecto do relatado; á escolla dun discurso enxoito e sen adobíos e á ironía presente nese recorrente «éche o que hai» cando se remite a algún acontecemento lutuoso, súmase unha visión lancinante respecto do conflito bélico do momento no que se publica a novela como é o do Vietnam.

Extraordinario Vonnegut: probablemente unha das voces máis eclécticas da literatura estadounidense do século XX, agora en galego grazas ao labor de Estela Villar.