«O incendio», a metáfora do lume

La Voz

FUGAS

A escritora Sara Vila Alonso.
A escritora Sara Vila Alonso. cedida

Sara Vila consegue que entremos en Neboeiro e cedamos a nosa complicidade a unha voz limpa, directa e próxima 

14 jul 2024 . Actualizado a las 22:24 h.

Boto a ollada atrás e decátome que lin a práctica totalidade dos premios Blanco-Amor que, desde a súa posta en marcha en 1981, se viñeron publicando. Non supón mérito ningún, en absoluto, pero incorporo a referencia porque, de aplicar unha ollada panorámica é posible que o que se lle outorgou a Sara Vila (As Neves, 1989) o ano pasado por O incendio talvez se sitúe entre ese monllo das propostas máis atractivas das galardoadas até agora, entre outras razóns porque encerra moitas e vizosas lecturas. Por veces, O incendio semella adscribirse a esa narrativa chamada «de fronteira», por veces sitúase na denominada novela de (auto)formación e mesmo, en ocasións, parece que presenciamos nela o desenvolvemento dunha novela psicolóxica. É todo isto por xunto e talvez máis cousas. Pode parecer sinxelo —e non o é— darlle voz a unha adolescente que articula un discurso escrito coma se fose unha terapia para enfrontarse aos seus propios medos, á súa ansiedade, ás dependencias de ira e volta e, en xeral, ao seu propio pasado que a conforma como é. Non é sinxelo porque son moitos os riscos e tópicos en que se pode caer mais, antes ben, Vila consegue que cedamos a nosa complicidade a unha voz limpa, directa e próxima ao que contribúe, por certo, tanto a economía de medios que exhibe como o emprego dun rexistro expresivo popular que revela con transparencia o fondo do conflito. Se cadra é esta, alén dunha estrutura moi meditada e acaída, a clave que fai funcionar unha novela coma unha engrenaxe perfecta que xira arredor da devandita adolescente, da súa avoa e dunha cadela.

Un universo situado en Neboeiro, onde a vida non é doada e na que a perseveranza na omnipresente idea do incendio, non sei se purificador pero sempre devastador, devora o que se lle pon por diante, tamén en parte a propia vida. Non se esqueza, con todo, que a metáfora apunta a outro lume que arde dentro con lapas alimentadas polo acoso e o desprezo, polo abuso e as primeiras e atoutiñantes experiencias sexuais, pola soidade e a incomprensión, tamén por esa ollada crítica que se dirixe aos estereotipos e ao abandono e illamento do rural.

Unha moi completa e suxestiva novela esta gañadora do premio Blanco Amor á que lle desexo unha feliz andaina.