«O Faiado», o podcast de entrevistas en galego por e para a xeración Z

MARTA REY / M.V.

FUGAS

Cedida

O formato, que renova por unha terceira tempada, foi o gañador do premio á mellor canle no Carballo Interplay 2024 e tivo como convidados a artistas como The Rapants, Grande Amore e Sabela Ramil. «Ao comezo, padeciamos moito o síndrome da impostora», confesan as creadoras

30 ago 2024 . Actualizado a las 10:39 h.

Azucre, condimentos e moitas cousas bonitas. Como se da receita que se utilizou para a creación das propias Supernenas se tratase, oito rapazas, que se sentían un pouco perdidas no seu último ano de carreira en Santiago, decidiron mesturar todos eses ingredientes para crear O Faiado, un podcast de entrevistas en galego e gañador do premio á mellor canle no Carballo Interplay 2024. Claudia, Carlota, Malena, Leila, Eva, Laura e «as dúas Irias» eran simplemente compañeiras, que, despois de levantar o proxecto xuntas, se converteron en amigas. «Unhas faciamos Xornalismo e outras Comunicación Audiovisual. Queriamos aproveitar os materiais da facultade e facer algo, porque tampouco se ofrecían moitas prácticas de locución. Tiñamos claro que debía ser un formato con presenza tanto en redes coma no audiovisual», explica Claudia. «Consumiamos pódcasts como La Pija y la Quinqui ou Estirando el Chicle, e fixámonos que había un oco para facer algo en galego, porque non existía nada parecido. Ao ser un espazo de entrevistas, o noso obxectivo sempre foi crear algo informal e de risas, onde os convidados viñeran a charlar como se fósemos amigos de toda a vida», afirma Leila.

 

Dirixido á xeración Z, os temas que se tratan van desde a cultura pop ata a música ou a moda. «Os convidados que trouxemos ata agora sempre nos facilitaron o traballo. Quizais o meu programa favorito foi cando veu a Sabela Ramil, porque son moi fan de Operación Triunfo», confesa. Pero artistas como Grande Amore ou The Rapants e creadores de contido como Prado Rúa, tamén empregaron a escada para subir ao seu faiado. «Tivemos músicos, escritores... Buscabamos xente relacionada ca cultura ou que lle puidera interesar ao noso público», conta Claudia.

«Non imaxinabamos esta acollida»

Algunhas encárganse do traballo detrás da cámara e outras dirixen as conversas, como no caso de Claudia e Leila. Cando comezaron, xurdiron medos. «A min dábame pánico poñerme diante da cámara. Cando saíu o primeiro episodio non fun capaz de velo ata unha semana máis tarde. Tiña medo a sonar ridícula. Ao final non eramos as protagonistas, pero estabamos aí, expostas», confesa Leila. Duroulle pouco. «Xa temos práctica e facémolo de maneira natural. É como agora, que me sinto coma se estivese tomando algo nun bar contigo e non nunha entrevista. Ao comezo padeciamos moito o síndrome da impostora», di en broma. Claudia non da creto co éxito. «Creo que máis que un podcast, converteuse nun evento. Non imaxinabamos esta acollida. Os únicos que nos seguían eran os nosos amigos e as nosas familias, pero cando subimos contido ás redes, de súpeto aumentaron os seguidores. Estamos moi agradecidas e facémolo para que a xente que nos escoita se divirta», indica.

Cando pregunto pola espontaneidade que as caracteriza, Leila apunta que hai cousas máis alá de ser xornalista. «Ser xornalista para este tipo de formatos axuda, aínda que para min o máis importante é ser unha persoa con capacidade para desenvolverte ben. Na carreira aprendes as pautas para facer unha boa entrevista, pero non é ata o momento no que te enfrontas a ela, cando podes demostrar que vales. Eu estudei Xornalismo e considero que a día de hoxe continúase vinculando o concepto de xornalista con formatos 'máis serios'. Renégase do entretemento porque parece xornalismo de segunda», explica. Despois de soltar o seu discurso cunha velocidade incrible, colle aire e termina. «Vaia chapa acabo de soltarche!», repensa.

Coa terceira tempada avecíñanse bastantes cambios, sobre todo, no equipo. «Agora imos pasar de ser oito a ser seis. Estamos intentando equilibrar as nosas vidas entre o traballo, acabar de estudar e seguir co proxecto. Por desgraza, dúas de nós —Eva e Laura—, xa non van poder continuar a tempo completo. Sempre terán o seu sitio aquí porque son parte do legado», confesa con moita pena Claudia. Intento sacarlles un pouco de información sobre as novidades que van introducir. «Temos cousas moi chulas», indica. Insisto para ver se poden ser un pouco máis precisas. «O Faiado cambiará porque non somos as mesmas que comezamos hai ano e medio. A nosa vida púxose un pouco patas arriba. Todos os proxectos téñense que adaptar, pero imos seguir facendo o que nos gusta e dándolle ao noso público o que quere», explica Leila. Acabo por convencela un pouco. «Non podo dicir ningún convidado en concreto porque non está pechado de todo e se o digo vanme matar! Pero imos tirar polo alto, queremos continuar convidando a xente top de Galicia a conversar no noso podcast», di en broma Leila.

Sobre a idea de incluír unha nova sección na que chamen a un número ao azar para agasallar con calquera cousa como fai El Hormiguero coa súa tarxeta, non se pechan a nada. «Pois é boa idea agora que o dis», indica Claudia. «Creo que encaixaría ben, como se son produtos doados por marcas. Se o facemos, metémoste nos créditos», sorrí Leila. O que si sabemos con certeza é que aínda quedan moitos contos por contar(e).