«Palabras para o noso tempo»: A palabra, a persuasión, o coñecemento

ramón nicolás

FUGAS

Xesús Alonso Montero vén de publicar «Palabras para o noso tempo».
Xesús Alonso Montero vén de publicar «Palabras para o noso tempo».

Este libro editado por Alvarellos constitúe unha máis que loable iniciativa malia ser tan só unha pequena, mais substanciosa, escolma dun corpus impresionante

14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebrouse a semana pasada un acto culturalmente relevante que consistiu na cesión que o profesor Xesús Alonso Montero realizou á Fundación Penzol de Vigo de dous fondos con documentos que recollen os textos e notas de diferentes intervencións públicas que ditou oralmente entre o 2004 e o 2024. Un deles é a colección titulada Sesenta e sete alocucións: discursos, conferencias, charlas, improvisacións... (2014-2018), en colaboración con Carmen Blanco Ramos, responsable da transcrición destas pezas. Catorce destas pezas foron recollidas no libro Palabras para o noso tempo, ao que abaixo me referirei. A outra parte da cesión é o fondo denominado Trinta e unha conferencias (2004-2024), no que o autor achega os programas das palestras e guións detallados, complementados con notas e textos breves para o seu desenvolvemento.

O libro editado por Alvarellos, así pois, constitúe unha máis que loable iniciativa malia ser tan só unha pequena, mais substanciosa, escolma dun corpus realmente impresionante, pois estamos a falar dunha voz que, desde 1951, leva pronunciadas máis de 5.000 conferencias públicas. O libro ve a luz grazas ás moitas horas de gravación e transcrición que investiu a profesora Carmen Blanco Ramos no proxecto e preséntase nunha coidada edición a cargo de Olivia Rodríguez González, que incorpora un estudo sobre a oratoria do profesor vigués que define como modelo de «retórica pedagóxica civil».

Velaquí persuasivas palabras como poucas: sempre na vangarda da defensa da memoria e do activismo cultural e político, que afondan no coñecemento, entre outras voces, de Rosalía de Castro, Isaac Díaz Pardo, Emilia Pardo Bazán, Fernández del Riego, Borobó ou Neira Vilas, alén de desvelar algunhas claves para entender o exilio, o antifranquismo, a defensa das clases populares e mais a historia do comunismo europeo. Un gozou da fortuna de escoitar de viva voz algunhas destas conferencias e outras que aquí non se recollen. Ler estas que felizmente se compilan supón unha oportunidade valiosa para seguir aprendendo da palabra de Alonso Montero. Oxalá este sexa só o primeiro paso dun proxecto que abra as portas a outras escolmas que, sen dúbida, aplaudirei igualmente.

«Palabras para o noso tempo»

Xesús Alonso Montero

Alvarellos, 356 páxinas, 23,50 euros