«Fume»: O Turguénev máis escéptico

Ramón Nicolás

FUGAS

14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pertenzo a esa xeración que se asomou á escrita de Iván Turguénev, xa en galego, grazas á tradución que Manoel Riveiro Loureiro fixera daquela novela curta titulada O primeiro amor (Xerais, 1987). Tamén do autor nacido en Oriol en 1818 contamos na nosa lingua cun relato curto titulado «O prado Biézhin», recollido no volume O conto ruso do XIX: de Puxquin a Tolstoi (Ir Indo, 1997), grazas á tradución de Irina Gorbátikova.

Dun ou doutro xeito era case unha obriga ler esta tradución que chega baixo a responsabilidade de Iago Fernandes López: unha coidada tradución de acabada factura, por certo, cun corpo de notas a rodapé abondoso que, a meu entender, incorpora información moi precisa para entender cabalmente esta obra.

Turguénev é un autor, aínda hoxe, menos popular que outros dos seus contemporáneos, como foron Dostoievski e Tolstói, e o certo é que esta é unha das súas grandes novelas, a carón probablemente de Pais e fillos (1862), aínda non traducida ao galego. Fume, así pois, publicada orixinalmente en 1867, mestura en doses acaídas tanto unha trama pola que se podería adscribir ás denominadas novelas de corte sentimental do século XIX como outra na que percibimos o alento dunha visión crítica sobre a sociedade rusa da época. Velaí en primeiro lugar como se presenta un protagonista —Grigori Mikháilovitch Litvínov— que pasa unha tempada en Baden-Baden, onde agarda a chegada da súa prometida, Tatiana; con todo, aparecerá en escena unha moza, Irina, que foi un frustrado amor de mocidade, agora casada cun xeneral e que abre, como é de esperar, unha vía que nos sitúa nunha verdadeira traxedia clásica. Ao mesmo tempo, o protagonista asiste a encontros de compatriotas seus que manexan ideas que considera absurdas agás o caso de Potuguin, que dalgún xeito se converte nun álter ego do autor pois é a través del como se dá renda solta á súa concepción do mundo ou a asuntos como os límites da identidade nacional rusa, cun manifesto ton caricaturesco e ridiculizador. Unha e outra liña argumental abrazan unha conclusión escéptica que latexa no título da novela: todo é fume e todo se esvae, desde as instancias dos sentimentos ata os máis acendidos debates que acaban no esquezo.