Tres centenariazos literarios: Carmen Martín Gaite, Ignacio Aldecoa e Ana María Matute

FUGAS

Ignacio Aldecoa, Carmen Martín Gaite y Ana María Matute.
Ignacio Aldecoa, Carmen Martín Gaite y Ana María Matute.

Martín Gaite, Ignacio Aldecoa e Ana María Matute «cumpren» 100 anos neste 2025. Tres estrelas literarias para amar o conto, repasar a historia e medrar entre libros

18 abr 2025 . Actualizado a las 09:31 h.

En 1925 naceron tres dos grandes escritores da literatura española: Ignacio Aldecoa, Carmen Martín Gaite e Ana María Matute. Sen dúbida, representan ben a toda unha xeración de rapaces e rapazas que viviron con terror a guerra e que, sen saberen de política, de golpe sentiron como o seu mundo cambiaba do día para a noite e se sumía nas tebras, no silencio e no medo. Son os nenos asombrados, como os chamou Ana María Matute, porque a conmoción foi tal que lles custou saír da perplexidade de todo o que viron e sentiron sen ter idade para asimilar aquela barbarie. Certo é que as súas foron infancias privilexiadas: a familia de Aldecoa rexentaba un ultramarinos, a de Matute era propietaria dunha fábrica de paraugas e o pai de Gaite era notario, polo que non lles faltou o fundamental cando a carestía era o pan de cada día nas familias españolas. Porén, con 11 anos tomaron conciencia da situación e asumiron un compromiso que impregnou a súa literatura, cargado de sensibilidade coas xentes que máis sufriron. Cando a prensa do réxime retrataba unha España edulcorada, a súa escrita deulles voz ás clases traballadoras, ás vidas secundarias instaladas na dura realidade.

Aldecoa, a vida ao límite

Aldecoa foi un gran contista, cun dominio especial para a narrativa curta. A súa pluma buscou retratar a clase media, os emigrantes que deixaban o campo por un futuro na cidade e, como non, Los niños de la guerra, título que empregou a súa muller, Josefina Aldecoa, para retratar a Xeración dos 50, á que ela tamén pertencía. O seu home, infelizmente, xa non coñeceu outra realidade que non fose a ditadura, pois faleceu con pouco máis de corenta anos. Con todo, espremeu a vida ata o límite e non dubidou en se embarcar nun pesqueiro para sentir a dureza do mar e escribir Gran Sol; ou en percorrer vilas perdidas de España para retratar a situación das mulleres dos gardas civís en El fulgor y la sangre.

Martín gaite, o paso adiante

Aldecoa introduciu a Carmen Martín Gaite nos círculos literarios de Madrid, despois de que se coñeceran en Salamanca nos primeiros anos de vida universitaria. Da cidade do Tormes era ela, aínda que a súa familia materna era oriúnda de Ourense e a pequena pasaba os veráns cos avós en Barbadás. Na súa obra a pegada galega está nas novelas Las ataduras e Retahílas, e incluso comezou a súa tese sobre os cancioneiros medievais galegos, aínda que nunca lle daría cabo. O seu amor polas letras comezara xa nas clases particulares que recibía, pois seu pai opoñíase a que asistise a unha escola tan cimentada na relixión. Como muller privilexiada que foi, quixo visibilizar a situación daquelas que non contaban coas mesmas oportunidades, aquelas que se sentían frustradas porque sabían que valían para máis que casar e atender un fogar. Martín Gaite demostrou en plena posguerra que as mulleres non queren estar en El cuarto de atrás e denunciou as desigualdades da época nos seus libros. Ela sabía o que era escribir a escondidas, sen que fose coñecedor o seu home, o tamén escritor Sánchez Ferlosio. Coa novela Entre visillos gañou o Premio Nadal, dous anos despois de que o fixera o seu marido, e demostrou incansablemente que era independente, tamén cando se separou nun tempo en que non estaba ben considerado.

En el 80 cumpleaños de Ana María Matute en el 2005
En el 80 cumpleaños de Ana María Matute en el 2005 Benito Ordóñez

Matute, a eternidade da infancia

Ana María Matute tomou a mesma decisión, un desafío ao patriarcado que a deixou desamparada economicamente e que, coas leis do momento, a levou a perder a custodia do seu fillo, algo que a marcou profundamente. Antes xa lle arrebataran a infancia que, ao seu ver, é a etapa máis importante dos seres humanos e, por esta razón, centrou a súa escrita nos nenos e nas nenas da posguerra que observaban o mundo ao seu redor sen entender tanta barbarie. Así o fai en Primera memoria, que ten algo de biográfica, pois presenta a tres rapaces que non só deben enfrontar os retos da súa idade, tamén aqueles impostos pola situación política que os obriga a medrar e a madurar sen desexalo. Algo similar ao que podemos ler nos relatos de Los niños tontos, onde unha vez máis a pobreza e as feridas da guerra marcan o paso da infancia á idade adulta.

«Éramos unos jóvenes con mucho entusiasmo, con mucha ilusión, pero con las manos atadas», así lembra Ana María Matute a súa xeración, o compromiso social, os problemas coa censura e as ganas de cambiar o mundo. Dotados dun gran talento, neste centenario cómpre volver ás súas obras, porque a boa literatura non pasa de moda e, como dicía Carmen Martín Gaite, «mientras dure la vida, sigamos con el cuento».