
Insiste Manuel Esteban en que esta proposta narrativa, publicada baixo o título de O xogo de Escher e que resultou galardoada co IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira no 2003, é un exercicio solipsista. Se o afirma a voz do autor, non ten sentido negalo e mesmo entendo a estratexia como un recurso recreado con certa valentía ao asumir como argumento esa doutrina que xira arredor do concepto de que só existe o propio ou só existe aquilo do que o propio eu é consciente. Velaí como este camiño, talvez algo secundario hoxe, deu mostras vizosas nas nosas letras desde textos do grupo Nós, pasando por exemplos da nova narrativa galega ata mostras máis contemporáneas.
O certo é que Esteban, máis coñecido polas súas novelas de fondo policial ou detectivescas con asuntos de inequívoca proxección social, xa dera mostras da súa versatilidade coa publicación dunha recente obra xuvenil e agora, con esta peza, amosa cal é o seu alcance ao cambiar, radicalmente, de xénero. E debo dicir, en honra á verdade, que o autor se abeira ao ámbito da distopía e da historia con naturalidade e acerto; é máis, faino de tal xeito que, nun determinado momento, un non sabe se está embarcado nunha relectura creativa daquel marabilloso Os escuros soños de Clío de Casares ou nun arriscado capítulo de Black Mirror, ou en ambas as dúas cousas á vez.
Traio aquí o ronsel casariano porque o autor sabe conducirnos cara a contextos, atmosferas e vivencias que percorren, non sei se aleatoriamente, diferentes épocas da humanidade con precisión e verosimilitude e onde sempre se abordan as situacións vitais máis extremas ou perigosas. Ao mesmo tempo, cito esa serie de televisión de ciencia ficción, distópica e ao tempo costumista, porque aos poucos se revela como se poden vivir diversas realidades alternativas nunha metáfora, ou non, do que son as dependencias tecnolóxicas dun futuro que está aquí e que, neste caso, se asocian ao tempo de lecer.
É, sobre todo, na tensión ou nese recorrente pór en dúbida a existencia da realidade e a imaxinación onde radica un dos méritos dun libro que veu para provocar a necesaria reflexión que, nestes tempos da IA, convén ir facendo.