Inimigos interiores

Diego Ameixeiras

FUGAS

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitei unha conversa en silencio. Dous homes á hora da sobremesa, compartindo esquina dun restaurante comigo. Racismo, palabras contra os inmigrantes, desprezo polas minorías, descrición dunha suposta ditadura feminista, discurso contra os delirios dunha censura woke que seica estaría estragando os nosos valores occidentais. Sorprendeume —ou quizais xa non, a estas alturas— o ton empregado. A altiveza, o imperio da presunción, a necesidade de pregoar a súa apocalipse aos catro ventos. Falaban coma se non lles importase seren escoitados polo resto de clientes, imaxino que dando por feito a concordancia xeneralizada co seu diagnóstico. Na esquecida Joe (1970), de John G. Avildsen, Peter Boyle metíase na pel dun traballador de extrema dereita convencido de que o seu país, infectado por múltiples virus antipatrióticos, camiñaba sen remedio cara a ruína económica e moral. Un filme áspero, premonitorio, onde tamén podemos ver unha novísima Susan Sarandon por primeira vez na pantalla. Na presentación do personaxe, Joe aférrase á barra dun bar e esténdese cun monólogo que inclúe os grandes tópicos da ofensiva reaccionaria, criticando os avances das políticas integradoras cun catálogo de comentarios racistas e contra os homosexuais, incapaz de botar o freo ante un par de clientes que permanecen alleos á súa exposición, en silencio. Había algo dese Joe desaforado na actitude dos dous tipos que escoitei no restaurante. Unha exhibición de intransixencia sen complexos, un veleno acelerado e retador ante os que calan. Marchei do bar cando a conversa, para consolo dos meus oídos, se desviaba alén da actualidade política. Pero botei o resto do día cunha sensación de derrota integral metida dentro do corpo, preguntándome unha vez máis como é posible que esteamos a naturalizar un xenocidio en Gaza, o incremento salvaxe do racismo en toda Europa, un mutismo doente como reacción á barbarie. O asunto complicouse pola noite. Nun programa de Mediaset daban pábulo ao infame concepto pallywood, en referencia a aqueles que aseguran que o masacre de Netanyahu estaría sendo unha escenificación do pobo palestino a través de actores. Menos mal que acudín a un vídeo de Susan Sarandon baixo a chuvia, durante unha manifestación en Nova York contra a matanza sionista, para recompoñerme antes de durmir. Perdoábame a covardía á hora do café. Repetía: «O noso inimigo é o silencio».