
A bagaxe de lecturas que un teña, por unha banda, e as expectativas depositadas en que, cando menos, un non saia defraudado dunha escolla son factores relevantes no momento de escoller un libro. No meu caso interneime nestas páxinas de Onde nacen as bestas, a última novela de Pedro Feijoo, sen ningún tipo de información previa e o balance é, inequivocamente, positivo. De feito, sorprendeume a valentía do escritor vigués porque, de novo, recibe unha chamada de quen sabe quen ou que, ou circula por aí algunha faísca que prende operativa para fascinarse por un universo como é o de Romasanta que, dalgún xeito, inspirou brillantes páxinas ensaísticas, biográficas ou puramente narrativas de voces do talle de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Martínez Barbeito, X.R. Mariño Ferro, Laia Abril, Xosé Domínguez e Lino Blanco, Alfredo Conde, Emma Pedreira, Ivort Macsaw, alén doutras máis recentes que mesmo cobran vida «literaria» nestas páxinas.
Feijoo, con sobriedade e tamén cunha estrutura efectiva, condúcenos por un camiño que, a risco de tripar por carreiros sospeitados ou previsibles, vai máis alá destes posibles resultados. Se cadra é polo ritmo vertixinoso que imprime á súa narrativa e que contaxia unha sorte de voracidade lectora; se cadra porque cobran realce moitos aspectos nesta novela que non son só os que teñen que ver co trastorno disociativo de Romasanta e a súa inequívoca transformación en lobo como estrataxema consciente para librarse da pena capital. O autor, así pois, formula un argumento que, ademais de se inspirar na devantdita persoa, de mans dadas coas lendas do Lobishome e do Sacaúntos, proxecta e deseña no tempo presente e case dous séculos despois, un perfil que cadra coa ferocidade dun asasino en serie, talvez tamén cos traumas que se herdan no seo dunha verosímil e solvente investigación policial.
Igualmente, é de xustiza subliñar a presenza nestas páxinas dun territorio como Rebordechao, no concello de Vilar de Barrio, que cobra unha importancia capital nesta historia como tamén o que significan os incendios no mundo rural, a identidade sexual do protagonista e tamén, quen sabe, o que é o amor incondicional dunha nai polo seu fillo.