Arte e palabra para a patria dos ronseis

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Formo parte dese grupo de persoas, teño para min que cada vez máis amplo, que seguimos con fidelidade e admiración a traxectoria de Xosé Iglesias: mariñeiro da nosa Fisterra atlántica, poeta e artista polifacético, que ofrece nun novo volume, titulado nao cetácea, articulado como un compendio da súa última produción poética, canda outros textos de fasquía narrativa ao que suma aínda un total de sesenta e unha acuarelas nunha coidada e exquisita edición a cargo do selo coruñés Canela. O libro saúdanos, desde a cuberta, cunha ilustración do propio Iglesias: unha gran balea franca albina que leva ao seu lombo os faros da Costa da Morte: do de Fisterra ao de Lariño, pasando polo de Laxe ou O Roncudo, entre outros.

O volume —que conta cun prólogo de Francisco F. Fernández Naval e un poema epilogal de Manuel Rivas— intérnanos, como a voz do poeta suxire, na «patria dos ronseis» que situamos dentro dun «útero azul» que deseña, evoca, ilustra e fai que o sintamos como noso. A palabra do escritor, como se dixo, alterna os xéneros literarios e, ao mesmo tempo, fai que sintamos ese universo máis preto grazas ás ilustracións que acompañan —ou talvez sexa ao revés— a palabra. Dun ou doutro xeito, velaquí os barcos que o poeta viu, amou, por veces tripulou e, finalmente, retratou; velaquí unha homenaxe vívida, honesta e vigorosa, tamén irrepetible, á memoria do mar e ao que este simboliza.

Un libro no que Iglesias renace, ou segue a renacer, transformado en poeta abisal que relata visualmente, coa rosa dos ventos como presenza inextinguible, as transformacións ou metamorfoses que traza imaxinariamente do barco a balea ou a polbo..., ou seica de novo pode que ao revés. Adquiren forma, así, os espíritos das embarcacións a través da visión singular do autor, das xentes que foron a bordo, do que nos atopamos ou podemos atoparnos nos océanos. Unha aposta, en definitiva, pola biodiversidade mariña das nosas costas e dos océanos en xeral; un canto ao respecto de toda a flora e fauna marítima e ao traballo mariñeiro; unha reflexión sobre todo aquilo que xa se foi e sobre a realidade, tan difícil, do mundo do mar de arestora. Unha sorte lermos este nao cetácea: que veñan moitos máis.