Conversas na consulta

FUGAS

Un doctor sostiene a un niño en consulta.
Un doctor sostiene a un niño en consulta. iStock

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei ao centro de saúde e dixéronme na porta que a miña médica de cabeceira acababa de xubilarse. Que orfandades tan insospeitadas nos pode deparar unha tarde calquera de verán, a esa hora en que os ciclistas rematan as etapas do Tour de Francia. E que finais tan abruptos. Os estudos din que ter o mesmo profesional de familia durante quince anos reduce un 25% a mortalidade, un 30% o uso dos servizos de urxencias e un 28% as hospitalizacións. De aí que sexa fundamental tomar medidas para diminuír a precariedade e a temporalidade na atención primaria. Non acudía con excesiva frecuencia á consulta de A. —supoño que por sorte —, pero sempre atopaba nela unha agradable sensación de familiaridade, coma se nos coñecésemos de toda a vida e aquilo fose un reencontro que merecía celebrarse. Convidábame a tomar asento, escribía algo rápido no ordenador, collía aire e despois dirixíase a min para preguntarme polo motivo que me conducira ata os seus dominios. A miúdo con xesto serio e reconcentrado, completando unha especie de ritual que a trasladaba dos seus pensamentos ata un novo paciente, neste caso eu, disposto a narrarlle algunha avaría do seu corpo. Xa a estou botando de menos. Despois dos meus atrapallados monólogos —dóeme aquí, creo que tamén alá —, adoitaba vir un pequeno diálogo co que A. conseguía sempre rebaixar a miña incerteza acudindo a algunhas das mellores frases da historia. Unha delas, a miña preferida, especialmente fermosa e confortante: «Enténdote». Falando de saúde, resulta evidente que unha resposta dese tipo non cura por si mesma nin ten poderes máxicos. Curan os profesionais co seu esforzo —lembro os ollos desacougados de A. durante os peores días da pandemia, aqueles terrores compartidos— e cura un maior investimento no sector público, a pesar dos que desexan o seu desmantelamento en beneficio da atención privada. Pero hai palabras sinxelas e eficaces, pronunciadas dende a bondade e a intelixencia, que conseguen abrigarnos nas nosas particulares intemperies. A. tiña esa capacidade. Amosouma dende a aquela lonxana primeira vez que atravesei a súa porta: a virtude da palabra accesible e acolledora, temperada pola experiencia. Celebro que agora poida dispoñer de tempo para dedicarse ao que mellor lle pareza. Tamén agardo atopala algunha vez pola rúa para saudala coa admiración que merecen os titáns discretos e silenciosos.