
Nerea Pallares enfróntanos neste libro a un tsunami coral de mulleres de Camariñas que toman unha decisión conxunta
22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Teño para min que abrir e rodear cos brazos —de aí abrazar— a persoas que se incorporan con decisión ao noso sistema literario é unha obriga e saudar unha peza literaria como este Punto de araña, de Nerea Pallares, que foi galardoada na última edición do Premio García Barros, supón unha verdadeira satisfacción pola súa rotundidade e solidez.
Pallares, que tamén hai pouco conseguiu o premio Lueiro Rey de xornalismo, é quen de fundir nunha proposta narrativa estimulante e fresca elementos que afondan a súa orixe en diferentes motivos e faino con inequívoca soltura e habilidade. Un deles, talvez o máis salientable, vén rexido polo concepto de sororidade que se rastrexa en toda a novela e non só en parte da súa trama: un tsunami coral composto por mulleres de Camariñas, de diferentes xeracións, que toman unha decisión conxunta —todas elas, isto é, palilleiras, mais ao mesmo tempo mariscadoras, redeiras ou operarias das fábricas de conserva—, baixo a intención de cambiar moitas cousas, perpetuadas case eternamente pola tradición do patriarcado. A decisión, levada polo ánimo da reivindicación e a rebelión, tamén incorpora, así, a introdución do elemento mítico e máxico como é a apelación efectiva a tres mulleres fantásticas e donas do océano e do encaixe, entretecidas coa épica que atesoura o aparentemente pequeno que se erixe como unha constante.
Dona dunha arquitectura moi meditada, a proposta avanza fragmentariamente, e cada fragmento amosa unha unidade propia que ademais se relaciona co patrón de encaixe que o preludia. Nestas páxinas, deséñase outra Penélope, cun tecer e destecer que se irmanda co concepto do movemento e da propia liberdade; tamén xorde unha nova Ariadna e o seu labirinto se se quer, mesmo unha Lilístrata con matices desemellantes aos que a tradición nos fixo chegar. Transitan por aquí, pois, mitos reformulados, para subvertelos como, dalgún xeito, Begoña Caamaño abrazou no seu día. Non se pode obviar, para finalizar, que outro dos valores presentes neste Punto de araña é a asunción da variante dialectal fisterrá para a construción, máis veraz aínda, dos discursos de diversas personaxes, para sempre todas na nosa memoria.