Non é certo que, ante unha catástrofe, falten as palabras. As palabras sempre están aí, dispostas a exercer o seu cometido: nomear, socorrer, transmitir. Sucede que a miúdo abrollan en pequenas doses, con precisión sintáctica, entre os lamentos dun emisor asaltado pola traxedia. Unha presunta limitación —sen roupaxes aparatosas nin grandes metáforas— que resulta suficiente para definilo todo. «Deixáronnos sós». O enunciado, rotundo de raíz, pronunciouno unha veciña dunha das aldeas arrasadas polo lume na provincia de Ourense. E coido que aí non falta palabra ningunha. Nesa formulación urxente do desamparo atópase todo. O afundimento provocado dun xeito de vida, o quebranto anímico ante a destrución da paisaxe, a rabia silenciosa, o mayday dos esquecidos, a desolación dunha xente marxinada polas administracións públicas. A historia recente do país, inclinado cada vez máis cara a AP-9, demostra que non é difícil habitar a xeografía de Ourense sen unha impresión de acantoamento. Con razón, as diagnoses identitarias atribúennos brillantes xeracións culturais, gusto reiterado polo clientelismo, espírito entroideiro e un humor defensivo, cargado de sinuosas polisemias, que empregamos para poñernos a salvo da realidade. Pero teño para min que o volksgeist auriense do século XXI defínese mellor por unha apreciación compartida de abandono casi existencial, visible dun modo aínda máis salvaxe nos territorios afectados pola vaga de incendios. Non faltan as palabras. As palabras sempre están aí, no presente ou na memoria, listas para paliar a soidade e o medo. O que faltan son políticas vivificantes para o medio rural, prevención e entendemento, enfrontarnos dunha vez á emerxencia climática. E sobran neglixencias e ineptitudes, invocacións ao inevitable, golpes no peito, propaganda disfrazada de información. Chegaron os lumes para facer deste verán un inferno, e en poucas horas a provincia de Ourense pasou do seu longo estadio crepuscular, herdado dun vello western peckinpahiano, á fase distópica do terror ambiental: sol de traza marciana, columnas xigantes de fume e paisaxes lunares onde se desaloxou a vida. «Deixáronnos sós». Que epitafio tan certeiro para unha terra onde apenas queda sobrevivir fóra do tempo. Na esquina en sombra dos castigados, coas forzas demasiado xustas. Entre a melancolía e o nihilismo, coa única compañía leal das palabras da tribo.