A soidade e a privacidade

Ramón Nicolás

FUGAS

Cristina Pato presentando a súa segunda novela «Fóra de foco» na librería ourensá Tanco (na imaxe, entre Marcos Calveiro e Xoán Tallón)
Cristina Pato presentando a súa segunda novela «Fóra de foco» na librería ourensá Tanco (na imaxe, entre Marcos Calveiro e Xoán Tallón) MIGUEL VILLAR

29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É posible desaparecer da exposición mediática que comporta un traballo artístico de inequívoca proxección pública? Pódese, igualmente, atopar acougo nunha vida nova que se caracterice pola discreción e o dereito á intimidade, pola independencia persoal? As respostas contéñense nas páxinas de Fóra de foco, a última novela de Cristina Pato, que ao tempo aborda outras reflexións de grande alcance —se cadra as páxinas máis conmovedoras— sobre a soidade do ser humano, e expón outros motivos como a identidade, as raíces, mesmo os desexos acadados e aqueloutros frustrados.

Nesta, que é a segunda novela da autora ourensá retirada dos escenarios hai algún tempo, repousa unha reflexión profunda sobre a relevancia da fotografía nas nosas vidas. Non en van deséñanse os pasos particulares dunha célebre fotógrafa de ficción chamada Basil Cancela que, nun momento dado, o abandona todo e, aínda máis, procura con teimosía a destrución da súa propia obra. Á que desexa ser a súa biógrafa, Marieta Carracedo, unha xornalista que comparte coa anterior vivencias, espazos e paisaxes que alternan Madrid, Galicia e o West Village neoiorquino, vaille ocorrer algo semellante de maneira que ambas as dúas personaxes, aínda que poida parecer estraño, conflúen nunha sorte de retroalimentación de maneira que unha non se entende sen a outra e viceversa.

Estruturada, a meu entender, con acerto, a través dunha coralidade de voces que se alterna co relato en primeira persoa da xornalista, cun pulso contido e suxeito a un propósito marcado pola concisión e brevidade, é tamén esta unha revisión pola presenza galega nalgúns territorios de Nova York e unha reclamación ao dereito a poder ser o que unha persoa considere necesario en cada momento; mesmo a poder ser diferentes cousas ao longo da vida. Aínda diría máis: a novela percorre con pausa os chanzos dun proceso mediante o cal se cuestionan os límites que impón, en ocasións, o propio traballo, sobre todo se este está vinculado coas profesións artísticas e exhibe a febleza das fronteiras —en tantas ocasións esvaídas— entre o estritamente laboral e o que é privativo. Unha proposta para ler e, abofé, para pensar.