A lección máis matemática do circo

FUGAS

Momento do espectáculo «A serie clopen»
Momento do espectáculo «A serie clopen» XOAN A. SOLER

O espectáculo «A serie clopen» do CDG pode verse en Santiago ata o próximo 26 de outubro

27 sep 2025 . Actualizado a las 12:52 h.

O conxunto clopen é simultaneamente aberto e pechado. Deste concepto parte o último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A serie clopen, que pode verse en Santiago. Os sumandos para obter o total desta particular operación aritmética son o circo, o teatro, o humor e moitas matemáticas, desde a banda de Moebius a rectas, circunferencias... Cal é o resultado? Unha montaxe que fala de totalitarismos, de machismo, de homofobia, de odio aos estranxeiros, de control do algoritmo, de guerras, de fronteiras, de extremos que se queren separar para acabar tocándose, dun mundo absolutamente dixitalizado... E todo isto cunha mensaxe en positivo de resistir, de abrazar a diferenza.

A serie clopen marca un fito nos máis de 40 anos de historia da compañía, xa que é primeira peza que ten o circo como eixo condutor. O clown, acrobacias, malabares e números aéreos conforman a cerna deste relato. Porque o circo tamén conta escribindo en verso. A historia parte de Alicia, rapaza adolescente que está nese momento vital onde comeza a construír a súa identidade. Aí, nese cuarto cheo de bonecas e xoguetes, abre unha canle en internet sobre unha das súas paixóns: as matemáticas. A partir dese intre todo se desenvolve a ritmo de scroll durante hora e media. Noventa minutos nos que procura que o público «deixe que a realidade se suspenda». E faino con humor e promovendo a interacción co espectador. «O espectáculo pon ao público contra un espello», resalta Pablo Reboleiro, director desta montaxe e un dos pioneiros do circo contemporáneo en Galicia, que quixo devolver as ciencias ao plano da arte. El tamén é o responsable da dramaturxia xunto con Clara Gayo.

 

 

 

Pola súa banda, Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo son os encargados de poñer enriba do escenario do Salón Teatro esta particular historia de mércores a domingo, ás 18 horas, ata o 26 de outubro. «Se tes un fillo adolescente e non es capaz de comprendelo, tráeno a ver este espectáculo», animou Pablo Reboleiro. Iso si, deixou claro que é unha proposta que non entende de idades, xa que conta con distintos niveis de lectura. Durante a súa estadía en Santiago, a compañía dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) continúa coa campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? para facilitar o desprazamento e achegar a público de preto de 45 municipios.

 

Despois da estancia na sede do Centro Dramático Galego, o espectáculo recalará noutros cinco espazos de Galicia e Portugal: o 30 de outubro estará no Teatro Académico Gil Vicente de Coímbra; o 2 de novembro, no Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba; o 4 de novembro, no Teatro García de Resende de Évora; o 6 de novembro, no Auditorio Municipal de Rianxo; e o 9 de novembro, no Auditorio Municipal de Quiroga. «É importante sacar estes espectáculos especiais fóra», incidiu o director do CDG, Fran Núñez.