«Cen anos de literatura galega. Edición facsimilar»: o labor duns patriotas das palabras

Ramón Nicolás

FUGAS

17 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos estudos de sociolingüística galega, o ano de 1963 rodéase dun matiz auroral. Aprendemos, e estamos felizmente obrigados a transmitilo, que naquela data botou a andar un dos acontecementos que nos singulariza como é a celebración do Día das Letras Galegas e, igualmente, deu os seus primeiros pasos o proxecto editorial de Isaac Díaz Pardo baixo o nome de Ediciós do Castro. Ao tempo, a Academia comeza a usar internamente a lingua galega, como apuntou no seu día Henrique Monteagudo; nacen as primeiras asociacións culturais e ve a luz o primeiro número da histórica revista Grial. Se cadra, non se lle outorga a relevancia precisa á mostra bibliográfica organizada por Alonso Montero e Ramos de Castro que acolleu o Círculo das Artes de Lugo en decembro daquel ano.

Hoxe podemos calibrar as dimensións desta exposición grazas á edición facsimilar do Catálogo da mesma, publicado orixinalmente en 1964, e prologado nesta ocasión por Manuel Celso Matalobos e polo propio Alonso Montero. Este último, entre outras reflexións de interese, subliña o feito determinante de que tamén se levaba á exposición a problemática que rodeou a lingua galega neses cen anos de maneira que non é difícil reconstruír o que a mostra debeu significar naquela época. Un proxecto ditado por unha vontade totalizadora (velaquí, así pois, as 2.149 fichas da exposición) e oportuno pois se celebraba o centenario da aparición de Cantares gallegos: libro inaugural da nosa tradición literaria contemporánea.

Unha iniciativa verdadeiramente insólita que transmitía, para quen non o soubese ou non quixese sabelo, que a lingua galega, en 1963, atesouraba unha longa, transcendente e celmosa tradición bibliográfica como se pode ler nas máis de cincuenta seccións existentes que aínda resultan extraordinariamente útiles e nas cales se referencian traballos inéditos, por exemplo, de X. Fernández Ferreiro, sobre Cántigas en barallete, ou de J. Augusto Valentín, autor dunha historia da literatura galega.

Hai algúns anos, nun limiar a outra publicación, Xesús Alonso Montero afirmou que aquela iniciativa se ideara e impulsara grazas a «un grupo de patriotas das palabras». Un clarividente e afouto grupo, non teño dúbida.