Este proxecto precioso ten algo de revolucionario. O plan? Xuntamos xente para ler en silencio unha hora
14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Deixáronnos as chaves do Panteón de Galegos Ilustres. Gemma envioume unha foto cunha chave de ferro que lle ocupaba toda a man. A vándala que levo dentro pensou en aproveitar e roubar unhas reliquias, un óso de Castelao ou de Rosalía e pedir un secuestro por elas. A señora seria que finalmente son sentiuse feliz de poder facer a nosa quedada de lectoras/es nun lugar con tanto sentido como beleza, un espazo místico e simbólico que atesoura memoria de cidade e de pobo, un lugar perfecto para o último encontro do ano de LeComigo, un proxecto precioso que ten algo de revolucionario. Xuntamos xente para ler en silencio unha hora, sen tentación de aparellos conectados a ningún lado que non sexa ese presente. Cando as campás dan a unha, iniciamos o tempo da conversa sobre os libro que temos nas mans. Facémolo con alguén que invitamos a ler con nós, porque os que escriben e pensan, antes de todo, len, e interésanos esa faceta que compartimos. Non veñen a falar do seu como creadores, senón da súa faceta como lectores, que é unha maneira de estar no mundo que permite achegarse aos bordos invisibles das cousas, apreciar os matices e vivir na dúbida, o único lugar onde florece o pensamento. Lemos xuntas, pero cadaquén está na súa burbulla e de aí xorde algo máxico, unha retracción da vida veloz que a miúdo non conduce a ningures. É case un momento fenoménico, que diría Anne Carson. Facemos comunidade lendo, conversando e tamén ocupando espazos da cidade, despois de todo, somos veciñanza, persoas que conviven e posúen a cidade, xardíns, fundacións, museos, ou as cubertas da catedral onde vimos chegar a chuvia como unha figura corpórea. Acolleuno a cafetería sen uso do Museo das peregrinacións, coa cúpula de Gallego Jorreto. Se levantamos a vista, que sexa para contemplar historia ou beleza. A iniciativa é privada, sinxela, pero non tan fácil como parece, desde logo non aleatoria nin improvisada. Hai ambición e amor pola cultura, ganas de reivindicar aos lectores e de crear redes que vaian en dirección contraria á velocidade e o ruído dos tempos. Quen o probou sábeo, por iso se esgotan as prazas. Iso si, o institucional é necesario, co fácil que é recoñecer as cousas ben feitas e apoialas, darlle alas, a poder ser, sen copialas.