Rosalía é boa, pero o demo non é malo

Diego Ameixeiras
DIEGO AMEIXEIRAS PENSAMENTOS IMPERFECTOS

FUGAS

NOAH DILLON - SONY MUSIC | EUROPAPRESS

14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Botei a tarde lendo unha morea de artigos sobre o rexurdimento relixioso que seica atravesa a mocidade actual, á vista do último terremoto de Rosalía con Lux ou a gran acollida de Los domingos, o filme de Alauda Ruiz de Azúa. A controversia repártese entre os que advirten neses éxitos un fenómeno reaccionario, en conexión co avance da ultradereita, e os que defenden unha lexítima sede de espiritualidade entre os membros da xeración Z, enfrontados a un mundo roto e enfermo de inmediatez. O asunto ten a súa complexidade. Ata o bispo de Sant Feliu de Llobregat aplaudiu o xiro espiritual da brillante Rosalía, pero admitindo que non consegue entender a súa arte. «Tus letras me desconciertan», escribiulle nunha carta onde cita a Andrei Tarkovski. Obviou o prelado a cuestión fundamental de que cada xeración toma o mundo por asalto e ten a obriga de resultarlle indescifrable ás anteriores. E que a artista catalá, viraxes transcendentais a un lado, concentra o seu fabuloso talento en captar algúns trazos esenciais da época: a emotividade e a fragmentación. Sobre a omnipresenza rosaliana, que ofende a algúns boomers embravecidos, titularon con finezza en El Mundo Today: «Un señor que lleva cuarenta años dando la murga con el Real Madrid se queja de lo pesada que está la gente con Rosalía». O mesmo día que saíu Lux pasaron de novo por TVE Testemuña única, película de Peter Weir con ambientación amish —cristianos anabaptistas detidos no século XIX— pola que non sei se esta Rosalía mística sente devoción. A min ségueme fascinando ver a Harrison Ford convertido nun habitante accidental da comunidade relixiosa para protexer a vida do neno que presenciou o asasinato. E aínda máis admirar a interpretación divina de Kelly McGuillis, crush da miña adolescencia. Capaz de acoller mil matices, no seu rostro combate o amor a Deus co desexo que lle esperta un policía guapísimo de Filadelfia, chegado dende máis alá de Orión. Disque Rosalía, que en La perla lanza artillaría pesada contra as cousas do querer, instalouse nun celibato voluntario. A min, por momentos, vaime apetecendo o quietismo de Miguel de Molinos: un progresivo abandono da vontade. Aloxarme se acaso na secuencia en que Ford e McGuillis bailan mentres Sam Cooke canta Wonderful World. Renderme á contemplación perpetua desas dúas criaturas celestiais. E pensar que Rosalía é moi boa, pero o demo non é malo.