Nunca fun ao cine co meu pai. Sendo eu adulto, quero dicir. Cústame entender o motivo desa neglixencia, á que en ocasións lle dou voltas cando a memoria me instala en tempos lonxanos. Pregúntome agora de novo, mentres escribo: que nos levou a prescindir dun luxo así, coincidindo en afinidade? Por que non compartimos ese amparo seguro, ambos na escuridade dunha sala, fronte a unha realidade tantas veces indixerible? E o peor de todo: porque recoñecemos tantas desidias a posteriori, cando son irreparables? Chegados ao final dos anos oitenta, na casa onde medrei inauguramos o reprodutor VHS vendo High Noon, emblemático western de Fred Zinnemann estreado en España como Solo ante el peligro. Palabras maiores. A fita viña de agasallo coa revista Tiempo, e dentro dela se aloxaban os pletóricos Gary Cooper e Grace Kelly. Un shériff enfrontado a unha banda de foraxidos e unha muller cuáquera dividida entre a razón e o sentimento. A balada que soaba nos créditos, interpretada por Tex Ritter, dicía: «Descoñezo o destino que me agarda / Só sei que debo ser valente». Ese infinito depósito de asombros, o destino, empurroume unha destas tardes ao cine do meu barrio.
Proxectaban O axente secreto, dirixida por Kleber Mendoza Filho. Preto de min sentaron dous rapaces novos que non deixaron de falar durante os primeiros minutos da sesión. Pensei en recriminárllelo, pero non o fixen. En parte porque o suave parrafeo non impedía a recepción do filme, en parte porque compartiamos intencións subterráneas ao abrigo da sala. Non moi opostas: no caso da parella, culminar unha evidente cerimonia de sedución; no meu, dirixir olladas cómplices á butaca baleira da miña esquerda, durante os mellores intres da película, en silenciosa conversa cunha compañía desaparecida hai máis dunha década. Era noite cando saín á rúa. A parella camiñaba amodo baixo os soportais, insistindo no ritual de achegamento. Apostaría que si, pero ignoro como seguiu o resto do trámite e se o recurso de entrar nun cine axudou aos mozos no seu obxectivo. Eu sentíame lixeiro, alentado pola valentía dun shériff. A pantalla grande, coma sempre, resultárame beneficiosa alén da incidencia concreta do filme. Non importa estar unha tarde calquera só ante o teu perigo, perplexo ante as ensinanzas que a vida entrega fóra de prazo. Ao cabo todo se resolve, ou iso parece, coa emenda dun par de horas viaxando na escuridade.