Lin con tristura estes días a noticia do peche de Ediciones de la Flor, emblemática editorial arxentina fundada por Daniel Divinsky e Kuki Miler. Pensa un nese nome e enseguida lle veñen á cabeza Roberto Fontanarrosa ou Rodolfo Walsh, que editaron os seus libros con eles. Tipos con conciencia. E o debuxante Quino, pai de Mafalda, puntal dunha empresa que quedou moi ferida cando a súa obra —que na Arxentina publicara De la Flor durante máis de medio século— pasou alí a mans do grupo Penguin Random House. Entre os motivos do peche, Miler citou a brutal baixada nas vendas e o desprezo á cultura do goberno de Javier Milei. O seu odio, a súa desconsideración. A súa falta absoluta de conciencia. Abro agora o meu exemplar de Operación Masacre, lendaria novela de non ficción coa que o xigante Walsh, en 1957, se anticipou en case unha década ao New Journalism de Truman Capote. Escribe Osvaldo Bayer no limiar: «No tengo otra forma de definir a Rodolfo Walsh que tomar la frase de Madame de Stäel referida a Schiller: la conciencia es su musa». A conciencia, como as navallas suízas, destaca pola súa multifuncionalidade. Sobre todo se conseguemos mantela máis ou menos tranquila. Ocórreseme que cunha conciencia saneada se poden facer cousas como coidar dos servizos básicos, facilitar o acceso á vivenda ou difundir noticias axustadas aos feitos. Por iso considera un, supoño que con inxenuidade, que cando dende os despachos se degrada a sanidade pública, se evita regular en favor de dereitos fundamentais ou se alentan mentiras disfrazadas de información, a moitos debería remorderlles. A conciencia, quero dicir. Ese músculo abstracto, ese zunido de insecto nocturno, ese tribunal que opera dentro das nosas cabezas. Pero non é así. Diriamos incluso que está de moda non tela e presumir ante os micrófonos dese baleiro. A cuberta icónica de Operación Masacre recolle a imaxe de Os fusilamentos do 3 de maio, pintura de Goya que inaugurou unha nova época na representación dos horrores bélicos. Sen conciencia seguen a perpetrarse hoxe novas guerras. Novos desaires a dereitos conseguidos polos que nos precederon, novas campañas de intoxicación. A historia ensínanos que son os campos onde mellor se desenvolven os que carecen dela. Sen conciencia, caemos en mans do seu óxido. E sen conciencia, asáltannos cousas que nunca pensariamos ver, como que sequen unhas flores das que nacían libros.