A división dos clásicos

FUGAS

Sempre riseiro. Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015), home sempre disposto, sempre aberto, sempre riseiro, sempre xeneroso, sempre humilde, sempre comprometido.
Sempre riseiro. Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015), home sempre disposto, sempre aberto, sempre riseiro, sempre xeneroso, sempre humilde, sempre comprometido. Marcos Míguez

Vibra a consideración de Neira Vilas como unha figura que xa en vida ascendera á división atemporal dos clásicos 

10 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega homenaxeará a Xosé Neira Vilas no vindeiro Día das Letras. Puiden ler nas redes sociais como moita xente aplaudía a decisión con entusiasmo, encantada con que se recupere a memoria persoal e literaria do escritor de Gres, pero reprochándolle á institución «demasiada tardanza» en proceder ao recoñecemento. Unha primeira conclusión fíxome pensar que tales apreciacións, sendo ben intencionadas, demostraban ignorar esa norma tan discutida pola cal os autores distinguidos nas Letras deben levar, como mínimo, dez anos mortos. E así era, na maioría dos casos. Os comentaristas parecían obviar o detalle fundamental de que a homenaxe, de acordo cos criterios académicos —o escritor faleceu hai once anos—, non chega precisamente tarde. Pero axiña me decatei de que no fondo deses pensamentos, xunto co desexo de que no futuro se modifique a norma e poidamos celebrar tamén os vivos, vibraba a consideración de Neira Vilas como unha figura que xa en vida ascendera á división atemporal dos clásicos. Con ese distintivo sobre os ombros do autor, alimentado pola honra de escribir o libro máis lido da historia da literatura galega, puidemos volver tantas veces ás páxinas de Memorias dun neno labrego, seguros de ter nas mans a obra dunha personalidade instalada nun rango máis alá das conxunturas da época.

Neira Vilas estaba vivo, pisaba a terra e facía cousas fugaces como acudir aos institutos para falar coa rapazada, pero sabiamos que ao mesmo tempo flotaba xa nos escollidos circuítos da perpetuidade. Quizais por iso pareza que esta homenaxe chega algo a deshora: porque o home que un día escribira aquilo de «Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén», arranque gravado a lume na memoria de varias xeracións lectoras, levaba anos establecido nun lugar a salvo dos calendarios. Será interesante comprobar como a celebración, ao longo de 2027, nos permitirá ir accedendo a facetas culturais e políticas menos divulgadas do autor, eclipsadas en parte pola tremenda popularidade dese neno campesiño que lle deu voz aos nosos humillados e ofendidos. E confirmaremos, unha vez máis, que hai escritores capaces de saír vitoriosos, mesmo en vida, cando se miden contra o óxido implacable do tempo. Houbo un que naceu en Gres, Vila de Cruces, alá por 1928. Viviu na Arxentina e en Cuba. En 1992 regresou a Galicia. Morreu no 2015. Era Pepe Neira, para os amigos.