Arrinca unha nova edición de «Viñetas desde o Atlántico»: o cómic como ferramenta para a reflexión social
FUGAS
Os superheroes de capa ao vento deixan paso a outros heroes -e heroínas- con botas cheas de barro e puño en alto. A memoria histórica marca esta edición do festival «Viñetas desde o Atlántico» que arranca o luns
06 ago 2026 . Actualizado a las 14:18 h.Tanto teñen que mostrar nesta edición do festival do cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico que, aínda que se inaugura oficialmente este luns día 11, xa levamos semanas gozando dalgunhas das exposicións do certame, como a dedicada á eclipse na Casa das Ciencias ou a que comparten Jacobo F. S. e a súa Marcopola e Raúl García, o primeiro animador español que traballou para Disney, coa súa colección de parafernalia dos Simpson en Palexco. «Pois iso non é máis cá punta do iceberg», asegura o director de Viñetas, Manel Cráneo, que para este ano conseguiu bater todos os récords das 29 edicións que leva o festival na súa historia ao xuntar a máis de 70 autores que participarán dunha maneira ou outra nesta semana dedicada á banda deseñada. «Veremos que podemos facer para a próxima, na que facemos 30 anos!», exclama Cráneo.
Se hai que definir o Viñetas deste ano dalgunha maneira, diremos que é o máis social e reivindicativo de todos. «E histórico, diría eu. Teño un plan a medio prazo para o Viñetas, e este ano quería falar do pasado para dedicar a próxima edición ao futuro. Así que este ano tocou mirar atrás e poñer o ollo na memoria histórica», conta Cráneo. As dúas exposicións principais, que acolle o Kiosco Alfonso, levan por título Memoria democrática e social na España do século XX e Loita sindical feminista europea. Pouco máis que explicar sobre o contido: «O cómic pode ser unha ferramenta de reflexión social e un medio perfecto para a análise histórica. E atopamos que nos últimos tempos hai varios exemplos disto publicándose», engade Manel Cráneo. Estas mostras contan cos traballos dun dos máis grandes autores de cómic deste país, como é Carlos Giménez, do que poderemos ver os debuxos do seu Paracuellos, pero que, por motivos de saúde, non contaremos coa súa presenza.
Pero, aínda que a política todo o toca, Viñetas vai moito máis alá. Haberá un maratón de pódcasts, proxeccións cinematográficas, música e ilustración en directo... E todo isto sen esquecer o talento local, porque Viñetas segue a funcionar como punto de encontro e lanzadeira para novos autores. Por iso deixan un oco no programa á autoedición co Autobán e reserva espazos expositivos para as ilustradoras galegas de cómic fantástico ou para os premios Castelao deste ano. Ata o cartel é feito en Galicia: «Levamos dous anos consecutivos tirando de talento galego, porque é unha forma de reivindicar os nosos autores antes de que o fagan en Barcelona ou Madrid, que xa ten pasado. É o caso do autor deste ano, Miguel Robledo. Outro que saíu, como Jacobo F. S. ou coma min, da revista Golfiño que impulsou no seu momento La Voz de Galicia», explica o director.
A rúa da BD, nos Xardíns de Méndez Núñez, será de novo o punto de encontro para autores e afeccionados á sétima arte. É difícil escapar do cómic na Coruña estes días, porque outra marca batida nesta edición é a de ocupar practicamente todos os espazos expositivos da cidade para enchelos de viñetas: «Queda un, pero xa está apalabrado para o ano que vén. Non debería adiantalo, pero trátase do Museo de Belas Artes», presume Cráneo, que matiza sobre iso de ir sumando salas «É un éxito labrado ao longo dos anos, e tamén unha maneira de ir engadindo dores de cabeza; pero, para unha que falta, imos aló».
«Jiujitsufragistas». Lisa Lugrin e Clément Xavier. Estes dous autores saídos da Escola de BD de Angulema contan en Jiujitsufragistas a historia da que é considerada como a pioneira da autodefensa feminista, Edith Garrud, que para evitar agresións adestrou en artes marciais ás sufraxistas da Inglaterra de principios do século XX.
«Marcopola». Jacobo F.S. O vigués Jacobo Fernández Serrano pertence á xeración Golfiño, onde se deu a coñecer con Os amigos de Archimboldo Roque, e foi premio Castelao coa xenial Aventuras de Caquauequi. Pero foi coa creación de Marcopola, a illa remeira, que chegou a ser traducido ao catalán e ao francés.
«La guerra civil española». José Pablo García. O ilustrador malagueño ten adaptado ao formato de banda deseñada diferentes obras do historiador Paul Preston, como La Guerra Civil Española, La muerte de Guernica ou a súa biografía de Francisco Franco. A súa versatilidade queda patente nas homenaxes a distintos autores que fai no recente Palindrotiras.
«Caridad del río». Pep Brocal. Nado en Barcelona, Pep Brocal é do grupo de debuxantes que tantas alegrías deu ao medio nos oitenta en publicacións como Zona 84, Tótem ou Cairo. Chega a Viñetas con Caridad del Río, obra na que afonda na discutida figura desta espía soviética, nai de Ramón Mercader, o home que asasinou a Trotski.
«La piel como única bandera». Sebas Martín. Clásico do cómic erótico gai que chegou a dirixir a revista especializada Claro que sí. O catalán Sebas Martín cambia de rexistro con dúas novelas gráficas —Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera—, que relatan a vida cotiá dos homosexuais nos anos da República e a Guerra Civil.
«Paracuellos». Carlos Giménez. Veterano autor, referente indiscutible do cómic español, recentemente galardoado coa Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio. É pai dun certeiro, duro e ao mesmo tempo tenro retrato da posguerra, a través dos nenos dun internado da época: Paracuellos. Obra mestra que debería ser lectura obrigatoria na ESO.
«Virgen Roja». Bryan Talbot e Mary M.Talbot. No cómic británico, Bryan Talbot fixo absolutamente de todo: É o creador dun clásico como Luther Arkwright, colaborou na revista 2000AD, debuxou para Alan Moore... Xunto á súa muller recuperou as figuras das sufraxistas europeas de finais do XIX e inicios do XX en La virgen roja e Sally Heathcote.
«Aqui donde estoy». Tyto Alba e María Castro Hernández. O ilustrador Tyto Alba e a escritora María Castro Hernández xuntan forzas para dar vida a un documental e un cómic titulados Aquí donde estoy, que recolle o testemuño do supervivente da Guerra Civil Gabriel León Honrubia, que con 18 anos formou parte da chamada quinta do biberón.
«O eco dos días rotos». Alberto Taracido. O debuxante herculino Alberto Taracido intérnase na súa segunda novela gráfica, O eco dos días rotos, nun retrato da cidade da Coruña nos primeiros anos setenta, cuns mozos do barrio de Labañou como protagonistas dunha historia na que se ve o legado represivo do franquismo nunha época de busca de liberdade.
«Humanos, La Roya es un río». Jean-Marc Troubet Troubs e Edmond Baudoin. Dous debuxantes chegados desde Francia, Jean-Marc Troubet Troubs e Edmond Baudoin, que expoñen a súa obra realizada a catro mans Humanos, La Roya es un río, na que reflicten a situación que viven os migrantes que chegan polo Mediterráneo ata o val do Roya, entre Francia e Italia.