Prendín a televisión e atopeime a Patti Smith interpretando People Have the Power nun instituto de Mieres, en Asturias: «Sobre os humildes / derrámanse as grazas», cantaba outra vez. Terremotos a media tarde no sofá. A imaxe, coa súa perfección, humedeceume os ollos a queimarroupa: unha venerable anciá, madriña do punk, lembrándolle aos rapaces que os cidadáns temos «o poder de reparar a obra dos necios». Vin tamén que o director de cine Guillermo del Toro non puido reprimir o pranto estes días. Sucedeulle falando do futuro da mocidade, cando recibía a medalla de prata da Filmoteca da Universidade Nacional Autónoma de México. «A la generación que viene le entregamos un mundo en ruinas», dixo. Ao que engadiu: «El tejido social que alguna vez nos permitió articular una fábula o una parábola está totalmente desintegrado». Asistín despois ás enérxicas protestas dos estudantes franceses, movemento cuxo espírito se estende agora por outros países europeos —Italia, Bélxica, Albania, Portugal— ante o elevado custo da vida, a especulación inmobiliaria e os recortes dos servizos públicos. E non conseguín refrear unha segunda humidade nos ollos cando irrompeu ante min a figura adolescente de Elwan Benoît, ese rapaz de só dezasete anos convertido nun dos rostros emblemáticos das mobilizacións. Falaba da precariedade que padecen os estudantes da periferia de París, denunciaba o frío que pasan nas aulas, reclamaba máis recursos para os profesores, imaxinaba unha vida sen os excesos dun capitalismo depredador que lles pretende roubar o futuro. Anda a mocidade da xeración Z adoecida pola ruptura do contrato social en Europa: faláronlles de progreso e atoparon miseria. Deixámoslles a herdanza dun mundo para botarse a chorar, non paran de dicirnos mentres a ultradereita se incrusta nos gobernos do continente. Para contrarrestar as bágoas que lle asaltaron o rostro, celebrei que Guillermo del Toro acudise ao bálsamo do humor: «El fascismo siempre vuelve, es como los pantalones de campana». E logo deume por poñer People Have the Power en bucle para conxurar as lasitudes da tarde e os horrores aos que queren conducirnos. Será que continúo baixo os efectos da madriña que campa hoxe por Oviedo, pero necesito completarlle agora a frase ao director de El laberinto del fauno. Parece que tamén volve o poder da xente: a rapazada, en roupa de faena, disposta a reparar a obra dos necios.