O Xuventude de Sisán leva ao xulgado ao Concello de Ribadumia polo uso da Senra
![Pablo Penedo Vázquez](https://img.lavdg.com/sc/e0x1r55z20hoKh-0KynX5YLKJuk=/75x75/perfiles/187/1623079114415_thumb.jpg)
FUTBOL GALLEGO
![Partido da última edición do Arousa Fútbol 7 no campo 2 de A Senra](https://img.lavdg.com/sc/sMCDeqqqEDMQEqYvu4nbAdPIYpQ=/480x/2023/10/27/00121698429721562970968/Foto/A26Y3052.jpg)
O club de Terceira Autonómica considérase discriminado no reparto de horas e vestiarios
27 oct 2023 . Actualizado a las 20:08 h.A directiva do Xuventude de Sisán presentou na mañá deste venres un recurso contencioso-administrativo nos xulgados de Pontevedra contra o Concello de Ribadumia. Unha medida á que, afirma o presidente da entidade, David Pereira, esta se viu obrigada pola negativa da Administración local a resolver o que consideran unha situación discriminatoria no uso do campo 2 do complexo deportivo da Senra.
Dúas son as circunstancias que o Xuventude de Sisán, club con tres anos de historia e un único equipo que milita na Terceira Autonómica, pide sexan resoltas. A primeira delas, a distribución dos días de adestramentos: «Pedímoslle ao Concello adestrar os martes, xoves e venres na Senra 2, pero só o facemos os mércores, sós, e os venres, compartindo o campo co CD Ribadumia, porque o Concello en vez dos martes concedeunos os luns. Non hai ningún concello da comarca cun equipo que adestre os luns xogando os domingos», sinala David Pereira, que lamenta que o seu equipo se ve obrigado a «ir os martes a campos de Meis, de Vilanova, mesmo á praia cando facía bo tempo ou ter que suspender a sesión».
A outra razón que levou o Xuventude de Sisán a acudir á vía xudicial vén dada polo uso dos vestiarios: «O Concello só nos permite usar os antigos, o que nos obriga a incumprir a normativa da Federación porque para ir ao campo nos partidos os dous equipos e os árbitros temos que pasar por diante do público que accede á instalación, habendo uns vestiarios baixo a grada» tras a construción da Senra 2, di o club.
«Desde o Xuventude de Sisán queremos dispoñer das instalacións públicas en paridade cos demais clubs do noso concello» esgrime a súa directiva, que engade: «Entendemos que, como calquera dotación municipal, A Senra debe estar distribuída sen favoritismo nin discriminación. Tristemente, temos a impresión de que o actual equipo de goberno intenta presentar esta situación como un enfrontamento entre dous clubs, o cal é inxusto para ambos». Pereira sinala que, antes da presentación do contencioso, o club solicitara o mesmo por rexistro no Concello, pero que, pese á boa disposición da concelleira de Deportes, Sofía Núñez, denegóuselles.
Preguntado polo asunto, o alcalde de Ribadumia, David Castro, di descoñecer que o Xuventude de Sisán fose presentar un recurso xudicial. «Creo que o club está adestrando os mesmos días co ano pasado. Téñense que poñer de acordo as dúas entidades deportivas que usan a instalación e se non é así, o Concello terá que facer un regulamento de uso», declara ao respecto. Con todo, Castro deixa claro que o CD Ribadumia ten preferencia de uso polos seus dereitos históricos sobre o campo.