O Arousa testa a súa xerarquía na Liga ante un candidato a desbancalo, o Silva
FUTBOL GALLEGO
Unha derrota do equipo de Luisito Míguez suporía a perda da terceira praza e mesmo podería relegalo da zona de promoción
10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O tempo das palabras deixa paso hoxe ao dos feitos. Desde as catro, no céspede da Lomba, o Arousa pon en xogo o seu terceiro posto na clasificación do grupo galego da Tercera R.F.E.F. Unha praza á que se postula o seu rival, o Silva, modesto club coruñés que pelexa por acabar a Liga convertido nese equipo revelación que, por regra xeral, acaba emerxendo cada temporada entre os parias da competición.
Dous puntos separan o Silva do conxunto arlequinado. Gasolina para un colectivo que, como onte sinalaba o técnico do Arousa, Luisito Míguez, puntuou en nove das súas once saídas previas, gañando cinco partidos, empatando catro e perdendo tan só a mans dos dous equipos que fixeron da pelexa polo título e o ascenso directo o seu feudo, o Bergantiños (2-0) e un Gran Peña Celta C ao que o Silva fixo sufrir para levarse o gato á auga cun 3-2, previa remontada. Tras estes resultados, un balance de 20 goles a favor, case dous por partido, por 12 en contra.
Luisito Míguez sinala do sexto clasificado da Liga: «Es un rival dificilísimo, que sabe a lo que juega y que está haciendo un campañón, por encima de lo que la gente esperaba de él».
A situación e a traxectoria do Silva, que vén de encadear dúas vitorias, ante o Paiosaco (0-3) e a Sarriana (1-0), empatando entre medias en Betanzos (1-1), sérvelle a Luisito para reiterar a igualdade da Liga que xogan os 16 equipos á marxe do Bergantiños e do Gran Peña Celta C.
«Ahora quedan once finales, y a partir del próximo partido es cuando se va a decidir la Liga. La Liga se pierde en los diez primeros partidos y se gana en los diez últimos», sostén o técnico do Arousa. No caso do seu equipo, engade: «Nosotros estamos pagando muy caro el inicio de Liga, nos costó muchísimo recuperar; fuimos capaces de coger la tercera plaza y vamos a tratar de no soltarla».