Finou Cubeiro, o tormento cambadés das defensas da Segunda B e da Terceira nos 80

FUTBOL GALLEGO

Dianteiro dunha gran calidade técnica e física, que despregou en equipos coma o Compostela ou ou Céltiga, foi un dos impulsores dunha das primeiras escolas de fútbol base en Arousa, a da Pastora
15 feb 2025 . Actualizado a las 17:03 h.O fútbol galego vén de perder este sábado a un deses nomes propios menos recoñecidos nos papeis que gardan a historia, pero que permanecen gravados nas memorias de todos cantos tiveron ocasión de xogar con eles. Roberto Martínez Cacabelos, Cubeiro, finou no seu Cambados natal con 64 anos e unha rica carreira deportiva na que se gañou o respecto e o temor das defensas da Segunda B e da Terceira na década dos 80 do século pasado.
Partícipe dun 1-2 ao Celta nun partido de infantís cando, nos inicios da Transición, non había sequera liga da categoría, Cubeiro comezou xogar no equipo xuvenil do Juventud Cambados con 14 anos, debutando no seu conxunto de Terceira con só 16. Tres anos despois, con 19, o Compostela fichouno, colaborando no ascenso do cadro capitalino á Segunda B.
Céltiga e Portonovo foron os outros equipos nos que despregou o seu talento e o poderío dun extremo de raza. «Medía 1,65 metros, pero non se achantaba ante ninguén. Era moi áxil, moi hábil co balón e tiña gol. Nun espazo pequeno era moi rápido e tiña unha potencia de saída impresionante, polo que era un xogador moi complicado de marcar e un espectáculo velo», lembra Ríchar Charlín, compañeiro de quinta no fútbol base cambadés e «compañeiro da alma», di, dun home moi chorado na súa localidade pola súa forma de ser fóra do campo. «Era un xogador moi temperamental, e os defensas buscábano para tentar que o expulsaran. Como persoa, era fantástico», conta Ríchar. Pódeno confirmar decenas de nenos que Cubeiro dirixiu na escola da Pastora, unha das pioneiras no fútbol base de Arousa, ou os xuvenís do J. Cambados que adestrou. Este domingo, ás 13 horas na Igrexa de Santa Mariña Dozo, celebraráse o funeral de despedida a Cubeiro.