Manolo Abalo manda tirar da canteira ante a nefasta e repetitiva imaxe ofrecida polos xogadores do primeiro equipo do Arousa

FUTBOL GALLEGO

O presidente do club subscribe as duras críticas de Lemos aos seus futbolistas e pídelles «perdón dez mil veces aos nosos socios e afeccionados, porque na Lomba non lles damos nada»
15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A grave crise de xogo, de rendemento, de resultados e de imaxe que arrastra o Arousa, virtualmente fóra xa mesmo da promoción de ascenso á Segunda RFEF, ten un só culpable: o cadro de xogadores. Así o entende o desde hai tres xornadas adestrador do conxunto vilagarcián, José Luis Lemos, a tenor das súas durísimas palabras tras a segunda derrota do equipo baixo a súa dirección, o pasado domingo na Lomba diante dun Somozas que pelexa pola mera supervivencia na Tercera RFEF. E así o comparte o presidente do club arlequinado, Manolo Abalo, que onte subscribiu con puntos e comas as declaracións do veterano Lemos, quen cualificou o que está a vivir no Arousa como «una de las situaciones más vergonzosas que he vivido como entrenador», achacándolles aos seus futbolistas xogar «sin alma y sin competir», «no hacer absolutamente nada del plan de partido que preparamos», e constituír «un grupo muy frágil» co que dá practicamente por descartado poder desbancar o Alondras da cuarta e última praza con dereito a disputar a promoción, a tiro de 6 puntos con tan só xa 15 por repartir.
«Máis ou menos, é a idea de case todo o mundo», declarou onte Manolo Abalo ao preguntárselle pola súa opinión respecto ás palabras de Lemos. Ata tal punto está de acordo o presidente do Arousa co terceiro adestrador do equipo esta temporada, que desvela a súa decisión de rachar con todo, de prescindir do vestiario da Lomba e de apostar a tumba aberta pola base: «O primeiro equipo non funciona. Eu comuniqueille hai unha ou dúas xornadas a Dani —Abalo, o director deportivo do club— que se non temos opcións de play-off, mandara a todo o mundo a casa e tirara dos rapaces da canteira para mirar o seu nivel e ver se poden dar o salto ao primeiro equipo».
«Eu estou decepcionado, moi decepcionado», declara profundamente afectado o mandatario arlequinado que, como xa fixera unhas semanas atrás, reitera que «desde a directiva fixemos todo por sacar o club desta categoría. É unha temporada na que apostamos con todo. Criamos que eramos os mellores, era o que pensaba a maioría do fútbol galego por nomes, pero os nomes sós non gañan nin ascenden».
Sen necesidade de expoñer a cuestión, o propio Manolo Abalo fai o seguinte apuntamento: «Que o problema foi a confección do cadro de xogadores? Dani —Abalo— fíxoo con toda a ilusión e a mellor intención».
«Aos nosos socios e afeccionados témoslles que pedir perdón dez mil veces, porque na Lomba non lles damos nada»
«O Arousa merece outra categoría, polo seu pobo, pola súa afección, non seguramente polo que facemos no campo», manifestaba onte o presidente arlequinado nas súas reflexións a raíz da valoración incendiaria que José Luis Lemos facía do seu cadro de futbolistas minutos despois de encaixar un vergoñento 1-2 a mans do Somozas en campo vilagarcián.
Neste punto, Manolo Abalo dirixiuse a todos cantos senten e apoian a entidade deportiva que encabeza desde o 2010: «Aos nosos socios e afeccionados témoslles que pedir perdón dez mil veces, porque na Lomba nos lles damos nada». E iso, salienta, pese a ter posto a súa directiva todos os recursos materiais solicitados por Míchel Alonso ata o peche do mercado de inverno e ao alcance dun club de Tercera RFEF como o Arousa. «Pedirlles desculpas a todos, á afección e a todas as empresas que nos apoiaron nestes quince anos que levo aquí por todo isto; síntoo un montón», abundou Abalo, consciente, sendo unha persoa que pasea todos os días polas rúas de Vilagarcía, do estado de decepción xeneralizada na capital arousá co seu equipo.
A tristura que acompaña o xesto e as palabras de Manolo Abalo acentúase ao falar de determinada parte da masa social do club: «Síntoo sobre todo polos socios maiores coma min, que son os que máis sufriron nos últimos anos» nos que o Arousa se desenganchou da nova etapa de florecemento do fútbol galego, con case dúas decenas de equipos, algúns de municipios moito máis pequenos ca Vilagarcía, militando, e mesmo brillando na Segunda e na Primera Federación.
O club vilagarcián ofrécelles aos seus socios a posibilidade de sacar unha invitación gratuíta para un acompañante para asistir ao vindeiro partido de Liga do equipo, este xoves ás 19 horas na Lomba fronte ao Viveiro.