
O cadro de xogadores do Arousa fai público un comunicado dirixido á afección do club e en apoio á directiva de Manolo Abalo
22 may 2025 . Actualizado a las 20:04 h.Co debido tempo para procesar e reflexionar sobre esta pasada tempada, o cadro de xogadores do Arousa quere aproveitar esta oportunidade para pedirlle desculpas a todo o arousismo por non ter conseguido o obxectivo que todos tanto desexabamos.
Sabemos que o final chegou antes do esperado, pero non podemos estar máis agradecidos polo apoio que nos brindastes ao longo da tempada e todos os bos momentos que vivimos xuntos. Incluso nas derrotas, o voso cariño fíxonos máis fortes.
Á xunta directiva, presidida por Manolo Abalo, queremos agradecerlle o apoio e o excelente trato que recibimos sempre pola súa parte. A eles reiterámoslles, de igual maneira, o noso máis sincero apoio como membros do primeiro equipo e como arousistas, especialmente nestas semanas que tan duras están sendo para todos debido aos comentarios e acusacións que están chegando de fóra do club. Coa xunta directiva e co arousismo queremos seguir traballando polo mellor para o Arousa.