Luis Carro: «Foi un ano extraordinario, melloramos en todo e co mellor fútbol da Liga»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

O adestrador do Céltiga confesa que inda se sente máis aliviado ca alegre polo ascenso a Tercera RFEF tras a doorosa experiencia do ano anterior

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O paso dos días non consegue arrincar un sorriso completo da face de Luis Carro cando se lle pregunta polo ascenso do Céltiga á Tercera RFEF. «Sinto unha mestura de alegría e de alivio. O que vivimos o ano pasado deixou a todos unha sensación de responsabilidade grande. Por sorte puidémolo conseguir. Teño unha sensación de alivio, de traballo feito, máis ca de alegría», di o adestrador vilanovés.

E é que, inda despois dun ano e tras todo o feito no último curso, Luis Carro segue doído por non lle poder ter entregado ao club e á afección illense ese ascenso que se daba por descontado ao depender de si mesmos na derradeira xornada da Liga 2023/24 fronte a un CD Ribadumia xa descendido antes de saltar ao céspede do Salvador Otero.

«Para min a clave do noso ascenso foi o proxecto, a paciencia do club. Na directiva non se puxeron nerviosos tras non conseguir o ascenso», lembra Luis Carro. Volvendo poñer todos os recursos que precisaba, cos que o adestrador arousán completou o rearme do equipo que collera no verán do 2022, mantendo a varias pezas manexadas polo seu predecesor.

Noutro sinal definitorio da súa personalidade de home autoesixente e responsabilizado para co seu club, Luis Carro salienta: «Non é só o que conseguimos, senón como o conseguimos: Fixemos unha tempada extraordinaria. Melloramos en todo e en todos os números. E fomos capaces de dotar o equipo dunha identidade futbolística, o que creo que lle dá a todo isto máis mérito».