Pénjamo: «Son de Cambados, son do Cambados e lograr este ascenso é único»

FUTBOL GALLEGO

Quen volverá ser adestrador do Juventud en Tercera recorda a todos o que o fixeron posible
21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Moitos son os nomes dos que puxeron o seu gran de area para acabar de devolver, 27 anos despois, o Juventud Cambados á Tercera. Pero se alguén ten un maior grao de responsabilidade no ascenso acadado o pasado domingo no campo do Beluso, ese é Rubén Cornes, Pénjamo. O adestrador do conxunto arrousán, que a vindeira tempada cumprirá a súa sexta campaña consecutiva á fronte do vestiario de Burgáns tras pechar un mes atrás a súa renovación coa directiva de Eladio Oubiña, fala dun «camiño longo» para chegar ata o momento máis feliz da súa carreira deportiva. «Son de Cambados, son do Cambados, e lograr un ascenso co equipo do teu pobo é único, unha alegría inmensa», comentaba pouco antes de gozar onte da cea de fin de tempada do primeiro equipo do Juventud.
Foi este un momento para lembrar os grandes momentos dun curso no que, sinala Pénjamo, «fomos dos equipos de ámbito non profesional de España con máis partidos», logo de sumarlle aos da liga regular a totalidade das eliminatorias da Copa Deputación e os catro da promoción de ascenso á Tercera RFEF. Un dato que engorda a sensación de ledicia do técnico, que declara estar «moi alegre polos xogadores, pola directiva e pola afección, porque o Cambados volva á Tercera tras tantos anos; isto é de todos».
Pénjamo, que foi un dos futbolistas cambadeses que volveron ao Juventud á chamada de Luis Carro para sacalo do pozo da Segunda Galicia, e que despois, nada máis colgar as botas, aceptou o reto de dirixir o equipo na primeira tempada da pandemia (2020/21), aproveita a ocasión para «mencionar tamén os outros 31 xogadores que pasaron polo equipo nos catro anos anteriores a este, porque eles tamén participaron neste proceso. Estoulles agradecidos, porque sen eles non teriamos dado este último pasiño», salienta.
Coa confianza que dá saberse renovado pola directiva un mes antes de ver se o equipo daría o salto ou quedaría na Preferente, Pénjamo apura as celebracións antes de poñerse, a vindeira semana, mans á obra co director deportivo do club, Fol. Xuntos confeccionarán un novo cadro de xogadores no que lles gustaría ver os 22 futbolistas que defenderon este curso o escudo do club. Con todo, Pénjamo é consciente de que non todos poderán asumir a esixencia dunha categoría que, xa de primeiras, obrigará a un día máis de traballo semanal.