O Céltiga incorpora o dianteiro Marcelo Munín e o Cambados dille adeus a Adri
FUTBOL GALLEGO

O novo efectivo de Luis Carro pode actuar tanto de punta coma de extremo
16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Céltiga anunciou este martes o seu sexto reforzo para o equipo co que volverá á Tercera RFEF seis anos despois. Marcelo Munín Picanes (Santiago, 6 de marzo do 2004) chega procedente do Noia, co que xogou a última fase de ascenso á Segunda RFEF.
Logo de marcar 13 goles co Sigüeiro a campaña anterior na Preferente Autonómica, Marcelo Munín desenvolveu un rol secundario no Noia, no que só sumou 891 minutos, gozando unicamente de media ducia de titularidades e anotando dous goles. Con ganas de facerse un nome na Tercera RFEF, o novo futbolista do Céltiga é presentado polo seu novo club coma «un xogador con moita presenza física, potente nos espazos, e que pode actuar como dianteiro ou extremo, ofrecendo variantes e profundidade ao noso xogo ofensivo»; condicións que traballou no seu día nas canteiras do Dépor e do Compos.
No veciño Juventud Cambados, a actualidade veu marcada onte polo anuncio da baixa de Adrián Fernández. O porteiro vilagarcián participou na longa travesía polo deserto do Juventud desde o pozo da Segunda Autonómica ao ascenso á Tercera RFEF.