«Queremos que todo celtista se sinta reflectido no vídeo de 'Unhas cores, un sentimento'»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

O cantante do grupo Keltoi!, Sime, revela as claves do videoclip que gravaron en parte en Balaídos e que se estrea o venres 26 de outubro

19 oct 2018 . Actualizado a las 12:02 h.

Unhas cores, un sentimento xa ten videoclip, un proxecto no que o grupo vigués Keltoi! estivo traballando durante case un ano e para o que tiveron que superar diversas dificultades. Satisfeitos cun resultado final que esperan que tamén guste ao público, compartirano co celtismo o vindeiro venres 26 de outubro ás 21.15 horas. O cantante do grupo, Sime, adianta algunhas claves do resultado final do proxecto e fai balance da experiencia.

-Pasado o tempo, ¿como lembra a experiencia da gravación?

-Foi moi boa. Para a parte de Balaídos tivemos que aprazar dúas ou tres veces a convocatoria porque dependíamos de mil cousas: do tempo -que fixo un inverno horrible-, de se o equipo adestraba alí... Pero despois foi un día moi especial ao que sumamos varios máis noutras localizacións.

-A espera para telo rematado xa desde que se puido gravar fíxose longa, ¿cal foi o motivo da demora?

-Cando estaba para rematar a edición do vídeo os directores propuxeron que xa que había un tema acústico, podíase aproveitar todo o material gravado. Cóntase a historia dun avó que transmite o celtismo á neta e fixemos un vídeo tamén para o cedé gravando esceas no Paseo de Alfonso, preto do Olivo, para ese acústico. E iso sumamos o como se fixo, por iso o retraso.

KELTOI

-¿Canto tempo de traballo supuxo finalmente?

-Comezamos a principios de ano, en xaneiro, e rematamos case a finais de outubro, así que pouco menos dun aniño, practicamente. Para nós, ademais, foi algo novo, porque nunca gravaramos con tantos medios nin con tanta xente involucrada, fixeramos cousas máis amateur.

-¿Cal foi a súa reacción ao ver o resultado final?

-Gustounos moito, ¡agora a ver que vos parece a vós! Tivemos algo de medo, porque nun principio a historia paralela do avó que transmite o celtismo á neta, que a leva a Balaídos e todo iso, quedou moi profesional, ata algo ñoño, pensaba eu para min, un pouco rollo anuncio Gadis (ri). E as imaxes que gravamos en Balaídos ao revés, son bastante macarras. Coas bengalas, botes, hai xente coa cara tapada polo fume, pero veu moita xente nova, das peñas máis combativas, e gúistanos ese contraste na historia que hai detrás da canción. As nosas imaxes en Balaídos son máis agresivas e rockeiras.

-Así que unha parte compensa coa outra, ¿non?

-Si, quedou moi transversal. Pensamos que todo celtista se pode ver reflectido nalgún momento do vídeo: desde nenos, rapaces novos, xubilados... Queriamos darlle protagonismo a diferentes sectores sociais onde hai celtistas que o son tanto ou máis ca nós e por iso van saír un grupo de mariñeiros que festexan un gol do Celta, nenos na escola, traballadores nun taller... Queremos que todo o mundo sinta a canción como propia.

KELTOI

-Aparte de Balaídos, ¿onde máis gravaron?

-Estivemos nun taller preto de Peinador, en Bouzas no peirao de reparacións, no campo do Cesantes e no colexio Javier Sensat de Alcabre onde fun eu de neno, que me fixo moita ilusión. Logo, o acústico no Paseo de Alfonso e nunha taberna de Balaídos onde saen afeccionados celebrando un gol nun partido fóra da casa. Tamén empregamos imaxes que gravamos no último derbi. É variado e oxalá que guste.

-¿Cantas veces lles preguntaron neste tempo que para cando?

¡Foi a pregunta do verán! Queremos destacar que foi un vídeo autofinanciado, que o Celta non ten nada que ver nin puxo nin un can, limitouse a permitirnos o uso do estadio municipal. É unha pequena espiña que temos cravada, a da colaboración do clube nos seus estamentos máis altos, foi unha pequena depceción. O agradecemento é para os traballadores, que si viñeron a abrirnos e participaron no proxecto como se fose seu.

KELTOI

-Falaba de decepción co clube.

-Si, foi unha decepción e temos que dicilo. Contabamos con que o Celta cedese a algún xogador dos canteiráns que representasen a celtistas, que sabemos que o son, como dous ou tres segundos, vestidos de rúa e dándose unha aperta a cámara lenta, un cameo, que saísen coma uns máis. Xa falaramos con algún deles e dixérannos que por suposto, pero a resposta do clube foi a estándar, que só os patrocinadores oficiais teñen dereito a contar cos xogadores. Cando cremos que é un videoclip que vai facer máis celtismo que campañas que fan eles e que custan moitos máis cartos. Logo, cando o Celta mirou algo do vídeo ofreceu a sede, pero preferimos desmarcarnos, non ir polo rego e presentalo na asociación de veciños do Val do Fragoso, onde nós queremos. Se despois se queren usalo, que o usen, pero hai cousas que doen.

-¿Como solucionaron o tema dos cameos?

-O que fixemos foi falar con ex xogadores e evidentemente foi todo o contrario ao tema oficial. Algún fai algún cameo e ata aí podo ler. ¡Igual xa fixen spoilers de máis! (risas).

KELTOI