Boinas Celestes, unha peña para cambiar a maneira de vivir o celtismo

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

BOINAS CELESTES

A agrupación viguesa cumprirá os seus tres primeiros anos de vida en setembro con arredor de 160 membros

23 jun 2020 . Actualizado a las 10:58 h.

Dos seis socios fundadores aos 160 actuais. Ese é o resumo en cifras dos tres anos de vida que o vindeiro mes de setembro cumprirá a peña celtista viguesa Boinas Celestes. Pero máis alá de números, este tempo deu para moito en termos de vivencias compartidas arredor do equipo vigués. «O balance é moi bo. Cambiou moito a maneira na que estamos na grada e facemos as previas, xuntamos a bastante xente e fixemos nocas amizades, mentres que outras se consolidaron», di o seu presidente, Jesús Veiga, moi contento «co ambiente que se conseguiu crear», pero menos cos resultados deportivos. «Desde que comezamos, o clube foi para abaixo, pero somos optimistas», proclama.

A peña comezou como idea dun grupo de rapaces que rondaban os 20 anos e que xa daquela adoitaban xuntarse cando xogaba o Celta e mesmo viaxar co equipo. Boinas Celestes foi un xeito de formalizar o que xa facían e compartilo cun número crecente de afeccionados do equipo. O seu emblema apareceu porque tiñan claro que querían chamar a atención e as súas xa características boinas co escudo parecéronlles unha boa maneira de facelo.

Actualmente, dentro dos 160 socios, teñen un grupo de 34 que son os que se xuntan con máis frecuencia. «Somos os que quedamos para ver todos os partidos e facemos xuntos as previas», comenta. Ese grupo foi medrando, coma a peña en si mesma, a base de «estar en contacto coa xente tanto no estadio como fóra», ademais de nalgunha das viaxes que fixeron. Aínda que as redes sociais tamén lles serviron para darse a coñecer, Veiga cre que a clave estivo «na cercanía coa xente, porque o roce fai o cariño e algo diso houbo».

Á marxe das previas, levan organizadas algunhas viaxes e moitas comidas e ceas. Teñen a espiña da viaxe a Valladolid que prevían antes do parón, e tamén da súa inauguración, que non chegou a celebrarse de xeito oficial. «Agora estamos reservándonos para o quinto aniversario, dentro de dous anos», una efeméride para a que contan con organizar unha celebración á altura das circunstancias. «En vez de facer algo sinxelo, preferimos gardalo», comenta. Tamén telen acudido a actos doutras peñas e teñen relación con moitas, aínda que máis estreita con aquelas coas que coinciden na Grada Siareiros da que forman parte.

A maioría dos peñistas sitúanse entre os 20 e os 27 anos, con bastante equilibrio entre homes e mulleres. Tamén incorporaron a afeccionados doutras franxas de idade «por familia ou afinidade». En canto á procedencia, a maioría son vigueses, pero tamén contan con membros que viven no estranxeiro e un amplo sector do Porriño. «Están relacionados co balonmán coma min -Veiga acaba de fichar polo Reconquista- e crearon co noso permiso unha peña do Balonmán Porriño, Boinas Vermellas. Gustoulles a idea, son xente de confianza e por nós sen problema», conta.

Precisamente, a peña ten moitos vínculos con outros deportes. Entre os seus membros están os xogadores do Amfiv Agustín Alejos e Shelley Cronau e en máis dunha ocasión trataron de dar pulo ao equipo de baloncesto en silla desde Boinas Celestes. «Enviamos invitacións aos nosos peñistas para asistir a partidos, e o mesmo con algúns de balonmán», desgrana. Tamén fixeron unha aportación á loita contra a pandemia de coronavirus xunto co resto de colectivos de Siareiros Celta Vigo, se ben preferiron non promocionalo. «Non dixemos nada, non foi para sacar crédito».

Un fito seu neste tempo é que gañaron as dúas edicións do Torneo de Peñas nas que participaron. Este ano, a pandemia déixaos sen defender título. «viunos ben, que non tiñamos equipo este ano», bromea. Máis alá diso, admite que foi no seu día outra maneira de darse a coñecer. «Deunos sona, era aquilo de dicir: ‘Hai uns novos e aínda por riba gañaron’». Non contaban con iso, senón que unicamente se inscribiron por pasalo ben. O mesmo obxectivo co que naceu e que segue mantendo viva a Boinas Celestes.

BOINAS CELESTES