A historia do «Aspas on fire» que canta Balaídos cada vez que marca Iago

GRADA DE RÍO

Óscar Vázquez

Marco Reboredo, da peña Sempre Pahíño, é o autor dunha versión que xa «é do celtismo»

30 mar 2023 . Actualizado a las 15:11 h.

Son uns poucos os que o saben, pero o responsable de que cada vez que Iago Aspas marca en Balaídos soe Freed from desire cunha letra alternativa dedicada ao moañés ten nome e apelidos. Aínda que a súa peña, Sempre Pahíño, reclama protagonismo para el e mesmo algún detalle por parte do Celta, el fuxe do foco, aínda que non ten problema en contar como comezou todo e como vive que aquela melodía sexa agora patrimonio do celtismo que acude ao campo. «Isto non é meu, é da peña Sempre Pahíño e é do celtismo», comenta Marco Reboredo.

Lembra que todo comezou vendo vídeos de YouTube da Eurocopa do 2016. Así descubriu que un xogador de Irlanda do Norte tiña unha adaptación coa que hoxe é a melodía de Aspas on fire. «Logo, mirando, vimos que tamén a tiña un xogador do Leicester. É unha canción pegadiza e desexaba que o noso heroe puidese tela tamén», lembra. Un día graváronos aos da peña cantando e «prendeu», di en referencia á dimensión que colleu e á maneira na que se extendeu. «Nós non somos moitos (na peña) e de súpeto, cantábao todo o estadio. Provoca moito orgullo en nós poder poñer un gran de area no mundo celeste», comenta.

Di que os peñistas de Sempre Pahíño teñen unha vertente de «grupo de chirigoteiros» versionan cancións a modo de parodia. «Facemos versións, a música que a fagan os músicos (ri). Pero non tiñamos máis pretensión», sinala. Aínda que dese a peña piden que se lle recoñeza esta creación a Marco, el non comparte esa visión. «Non quero que me recoñezan nada. Penso que o fútbol é unha experiencia colectiva, das poucas que nos quedan. O bonito do fútbol é como une a persoas de distintas clases sociais, posicións políticas… É algo que une», plantea.

El escribiu a letra nun papel, pero insiste en que é de todos. «Hoxe queren vendernos a individualidade, a diferenza, a exclusividade. A min gústame o que mamei, o colectivo. E as cancións teñen que ser así, corais», engade. Nese sentido, tamén ten palabras de eloxio para o traballo que está facendo a bancada de animación de Balaídos, Siareiros. «Encántame o que fan coa rapazada. Nunca vas estar de acordo con todo o que fan, pero queren colectivizar e iso é estupendo», valora.

Para Reboredo é «un orgullo» cada vez que soa o Aspas on fire en Balaídos. «Hoxe, coas redes, temos a sorte de que moitas cousas poden prender. Eu síntome orgulloso de ser un Pahíño, de recordar a súa figura. A memoria é curta, a xente fala do que ve e estou orgulloso de que entrase Pahíño no once histórico do Celta», di en referencia á votación cuxos resultados se fixeron públicos hai uns días. El é partidario de lembrar a glorias pasadas e lamenta que non se faga máis: «Cando se apagan os focos, somos todos persoas. Tiven a sorte de coñecer a Hermidita sendo xa maior e emocionouse el ao pedirlle un autógrafo en vez de emocionarme eu», exemplifica.

Confesa que el non adoita cantar en Balaídos o Aspas on fire cando marca Iago, senón que goza de escoitalo ao seu redor. E gústalle que se popularizara polo merecemento do propio xogador. «Aspas é o mellor. Por entrega, por calidade, polos anos que botou aquí… Sabe o que é a identidade do Celta e ten todas as condicións para ser considerado o mellor da historia do Celta. Xa non polos números, por todo o que aporta, polo valor de ser galego e de querer ao club», reflexiona. Confesa que leva visto moitas veces o vídeo coas súas bágoas ante o Vilarreal na Nosa Reconquista -hoxe hai catro anos- como momento inesquecible e representativo de quen é Iago.

Este afeccionado nado en 1973 leva indo a Balaídos desde os anos 80 opina tamén sobre os distintos gustos musicais e os puntos de vista variados sobre o feito de que C. Tangana vaia participar do himno do centenario. «Cando eu era rapaz, actuou nun ascenso Siniestro Total e eu alucinaba, pero habería xente maior que preferiría que estivese A Roda. A min, musicalmente, non é o que o himno me atraia, pero atráeme por ser o himno do Celta. E menos mal que é en galego desde hai uns anos», valora. Lembra que a Foliada pode soar allea, «falando de que se tiran almofadas desde río e dunha afección como apesadumbrada», e que a rapazada dificilmente se identificará. «As cousas cambian, a música cambia e estamos no século XXI», enfatiza.

Nova versión de Coldplay

Recentemente, Reboredo e os seus compañeiros de Sempre Pahiño foron gravados cantando Viva la vida, de Coldplay, cunha letra celtista. O vídeo obtivo unha grande repercusión en Twitter e podería ser a súa seguinte versión en popularizarse. «Preguntáronnos se nos podían gravar e gustáronme moito as imaxes que puxo o que o fixo, correspóndese co que eu tila na cabeza», revela.

A idea desa letra é «darlle á volta ao da Roda e dicir que si, que somos perdedores, pero que algún día botaremos a porta abaixo como dixo Berizzo». Se de algo presume el é de levar 43 anos indo a Balaídos ininterrompidamente e, aínda que di que xa non ten esa emoción e vitalidade dos rapaces, as súas iniciativas semellan contradicir as súas verbas.