Movida Celeste, a nova peña celtista viguesa que bota a andar 

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Arredor de 40 celtistas entre 20 e 30 anos forman unha nova agrupación de afeccionados do Celta 

19 sep 2023 . Actualizado a las 09:36 h.

Movida Celeste é o nome da última peña celtista viguesa que se deu a coñecer nas redes sociais nos últimos días. A idea de formala nace dun grupo de sete ou oito amigos que levan anos indo xuntos a Balaídos «co que iso implica: previas, viaxes, comidas... E, pouco a pouco, cada un leva a un amigo, parellas, algún familiar, etc. e vaise creando un grupo de 20-30 persoas en común», expón un dos fundadores, Antón Campos.

Foi a tempada pasada, o día do último partido, fronte a Barcelona coa salvación en xogo, cando fixeron unha comida previa e eran unhas 30 persoas. «Pouco a pouco, vai xurdindo a idea, ao principio como algo utópico, pero de súpeto, foi collendo forma e tiramos cara adiante. E aquí estamos», engade. Xa están inscritos na Federación de Peñas do Celta e os seus integrantes non teñen pasado noutras agrupacións celtistas precedentes.

Calcula que actualmente andan polos 40 peñistas e a meirande parte deles teñen idades que van dos 22 aos 30 anos, máis «sección veterana composta por algún familiar e amigos», detalla. Chegan con moitas ganas de, entre outras cousas, organizar algún desprazamento. «Era imposible ata agora ir todos no bus dalgunha peña, xa que eramos moitos e acababamos indo separados», lembra.

O nome decidírono, como adoita ocorrer nestes casos, «tomando unhas cañas». Conta Campos que foi «unha mestura de cousas». «A expresión movida, como puxemos no noso primeiro tuit, significa «alboroto, jaleo»; tamén, ao ser vigueses o termo «Movida» pensamos que se adaptaba e facendo as previas na «Movie», tamén está metido. Pero así foi, un mix de cousas partindo da expresión «movida» en si como un «jaleo, juerga, diversión, alboroto» todas definicións que recolle a RAE», afonda.