Iván Villar: «A única maneira de estar estable é ser neutro, son un tío tranquilo»

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

O porteiro, que acumula 28 partidos consecutivos, considérase titular no Celta e precisa que nin antes lle afectaban as dúbidas nin agora os eloxios que recibe

14 oct 2023 . Actualizado a las 23:14 h.

Iván Villar Martínez (Aldán, 1997) é unha das poucas noticias positivas do Celta no arranque de liga. O cangués leva 28 partidos consecutivos defendendo a portería céltica e neste tempo mudaron as dúbidas por eloxios, pero el, que se define coma un home tranquilo, é alleo aos dous extremos. Prefire un punto neutro. No colectivo, non ten dúbidas de que o equipo reaccionará logo do parón.

—É consciente de que leva 28 partidos seguidos xogados?

—Si, e a verdade é que son bastantes consecutivos. Estou moi contento con esta oportunidade e traballo para facelo o mellor posible. No primeiro equipo nunca tivera esta continuidade.

—Canta confianza dá xogar semellante número de encontros?

—Moita. Xogar é o que todo porteiro quere. O traballo do día a día tamén reforza todo o traballo para que todo saia o mellor posible.

—Vaia cambio na súa vida deportiva.

—Ao final, o fútbol ten estas cousas. Un día, estás máis abaixo, e outro, máis arriba, pero sempre tiven a idea clara de traballar e esperar que chegase a miña oportunidade.

—Pasouno mal nas súas cesións ao Levante e Leganés e o ano de volta ao Celta B?

—Mal, non, pero foron momentos un pouco difíciles nos que, aínda que te fas algunha pregunta, confiaba en min.

—Por que decidiu dar un paso atrás e volver ao filial?

—Naquel momento, pensaba que o que máis me conviña era xogar e acumular moitos partidos e o Celta B era un bo equipo, nunha categoría competitiva e coa posibilidade de que, se nalgún momento o primeiro equipo quería contar comigo, eu estaba na casa.

—Polo medio tivo unha prata olímpica, disfrutouna?

—Si. Pasou todo moi rápido pero si que a disfrutei e seguro que a medida que pase o tempo, daráselle máis valor a iso.

—Nos malos tempos, facía cousas á marxe do Celta?

—Non, a miña filosofía sempre é vir a adestrar cada día coa cabeza limpa, dar o máximo e ir para a casa baleiro e sempre dalo todo.

—Cando empezou a xogar, percibía que existían dúbidas sobre se ía dar o nivel ou non?

—Cando pasou a lesión de Marchesín, eu o que quería era facelo o mellor posible para conseguir os tres puntos en cada partido, porque estabamos nunha xeira un pouco irregular, e que o ruído de fóra non me enturbara, só miraba para o que podía facer eu.

—Vostede está contento de como está facendo as cousas?

—Si, estou contento. Levo 28 partidos e creo que estou a un bo nivel, tamén grazas aos meus compañeiros e espero seguir mantendo este nivel.

—Percibe que agora a xente ten plena confianza en vostede?

—Pode ser que si, pero nin cando as cousas ían mal lle daba importancia ao que viña de fóra e agora, cando ven ben, tampouco lle fago caso. Creo que a única maneira de estar estable é ser neutro.

Son un tío tranquilo.

—Transmite esa imaxe de tranquilidade, iso vén de serie ou hai que traballalo a nivel psicolóxico?

—No meu caso, vén de serie, pero tamén me altero algunha vez.

—Nestes 28 partidos, cal considera que foi a súa mellor actuación?

—Do partido que máis contento saín, aínda que non tiven tanta transcendencia, foi o do Barcelona aquí, que era un encontro para salvar a categoría. Foi do que máis feliz saín.

—Agora, a conta pendente será a portería a cero?

—Eu sempre quero deixar a portería a cero, porque iso sempre son puntos para o equipo, pero agora estamos nunha dinámica que non o estamos conseguindo, se seguimos traballando, as tornas cambiarán.

—¿Séntese titular?

—Si.

—Como é a competencia con Guiata e Marchesín?

—A competencia é moi boa. Estou con dous porteiros contrastados que me esixen o mellor cada día, eu tamén a eles, e agradézollo. O meu rendemento tamén é grazas a ter dous compañeiros que me están empurrando.

—Como levan os porteiros da casa o cambio de filosofía na portería?

—Eu lévoo ben. A competitividade é moi boa e antes, tamén. Creo que a portería sempre estivo moi ben cuberta por porteiros da casa e os que viñeron de fóra e que a portería está ben cuberta.

—Está sendo o Celta menos canteirán do últimos anos.

—Pero a canteira está aí, deu e da bos resultados, nós somos un equipo e ao final é o adestrador quen decide quen está mellor para xogar e temos que acatar esa situación.

—Parou un penalti e rozou o de Las Palmas, dánselle ben?

—É como todo, os penaltis tamén son traballo. Analizar ao posible lanzador e, nese momento, igual ter un pouco de sorte para poder adiviñalo e paralo. Hoxe en día, todos miramos a todos e sabemos que situacións manexa cada equipo.

—Ao longa da súa vida, tivo algún porteiro de referencia?

—Sempre me ía fixando un pouco en todos, porque se estaban en Primeira era por algo e intentaba copiar algunhas cousas. Acórdome vir a Balaídos co colexio nalgunha excursión, estaba Pinto e a verdade é que me fixaba bastante nel.

«Todos temos moita confianza no míster»

No plano colectivo, Iván Villar está convencido de que todo cambiará á volta do parón e de que empezarán a chegar os resultados. O porteiro destaca por riba de toda a confianza que todo o plantel ten en Rafa Benítez para sacar adiante o proxecto. Sostén que o vestiario mantén a crenza no adestrador.

—Que lle pasa ao equipo?

—Estamos traballando ben, pero tamén somos realistas e non se están sacando os resultados que queremos. Non queda outra que mirar para nós mesmos e esperemos que despois do parón volvamos máis fortes e empecen a vir os bos resultados.

—Cando se ve con seis puntos, que pensa?

—Somos conscientes, hai que ser críticos, pero ter paciencia, porque queda moito, e seguir mantendo a confianza no míster, que é importante e que penso que todos a temos. Seguro que á volta do parón virán os resultados.

—Como definiría a Benítez como adestrador?

—Como un adestrador moi táctico, moi ordenado, que lle gusta analizar aos rivais e estou moi contento de traballar con el. Todos temos plena confianza de que chegarán os bos resultados.

—Hai tranquilidade no vestiario?

—Si.

—Agora chega unha fase complicada de calendario.

—É certo, pero nunca podes dicir os partidos que vas gañar o perder. Hai que afrontalos coa total confianza de que vas sacar os tres puntos e temos que saír a gañar con independencia de quen sexa o rival, na casa ou fóra.

—Como ve a cita co Atlético de Madrid?

—O Atlético ten un equipazo. Atrás son moi sólidos, custa moito facerlle gol e adiante ten xogadores de moitísima calidade que marcan diferenzas.