Kevin Vázquez: «O 2023 foi unha montaña rusa»

GRADA DE RÍO

OMAR ARNAU CEREZO - LOF

«Sempre queremos estar máis arriba, pero non é doado estar no Celta e ser o único equipo de todo o noroeste», di o segundo capitán do Celta, convencido da salvación

28 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Kevin Vázquez Comesaña (Nigrán, 1993) vive a súa sexta tempada no primeiro equipo do Celta. O segundo capitán fala da concienciación da plantilla para saír da zona de descenso e está convencido de que seguirán un ano máis en Primeira División, pero, do mesmo xeito, lembra que son un único equipo do noroeste peninsular na elite. Cualifica o 2023 coma unha montaña rusa.

—Como se leva estar dende a xornada 8 en descenso?

—Non é doado, pero agora mesmo é o que temos e estamos moi concienciados de que temos que saír de aí. Co Granada demos un paso á fronte.

—Ao equipo sempre lle pasaba algo ao final, iso pasou?

—Si. Quizais o partido de Valencia fose un clic no nosa mentalidade. Necesitabamos unha portería a cero e ese partidos deunos a confianza para non terlle medo aos últimos minutos.

—Que resume fai do 2023?

—Unha montaña rusa. Non comezamos moi ben, logo aparecía que ía todo ben pero veu un baixón non sei por que, pero non gañabamos e salvamos no último encontro. Agora mesmo non empezamos ben e esperemos que volvamos a subir esa montaña.

—O ano pasado en algún momento viuse en Segunda?

—A verdade é que non. Eu tiña moita confianza no equipo, pero non son situacións cómodas e menos cando chegas ao último partido xogándote a vida, pero dependiamos de nós e tiña a convicción de que nos íamos a salvar, como así foi.

—Por que sempre se repiten os malos inicios?

—Sempre pensamos que temos que estar máis arriba, por plantel ou polo que sexa, pero non é doado estar no Celta, non é doado ser o único equipo do noroeste en Primeira. Parece que estamos aquí, nun recuncho, somos os únicos, en España hai moitos equipos que queren chegar. Nós estamos, queremos manternos, loitamos sempre por cotas máis altas; ás veces non dá e hai que seguir traballando.

—Como está o vestiario?

—Con ganas de saír. A vez que peor o vin foi o partido contra o Athletic. Estabamos moi doídos, porque creo que fixeramos moi bo encontro e no último minuto, perdeuse. Ese partido uniunos moito. Creo que cando pasas malos momentos e ves que o equipo está xunto, iso significa que pode ir para arriba.

—Como ve a Benítez como adestrador dun equipo como o Celta cando vén das alturas?

—Vén de adestrar equipos moi gañadores, ten moitos títulos enriba, e sempre é importante que veña aquí un adestrador gañador. É moi didáctico, explica moito as cousas, insiste moito e creo que o equipo vai ir para arriba.

—É tan táctico como din?

—Case todos os adestradores son moi tácticos e el, moito. En temas defensivos, é moi estrito, tamén en como lle gusta saír á contra. Ten as ideas moi claras.

—A súa chegada supuxo un cambio na filosofía de xogo, agora gañan cando menos teñen o balón.

—Creo que nos sentimos máis cómodos e que é máis doado facerlles dano aos equipos a campo aberto e cun pouco de calidade que teñas, podes facer máis cousas. Cando os equipos se pechan atrás, como pasou o día do Cádiz, custou moito facerlle perigo.

—Como leva Iago Aspas o de non marcar?

—El sempre esta ben. Creo que non marcar non lle preocupa tanto como a outra xente. Ten moita experiencia, sabe que os goles poden chegar en calquera momento e seu labor non so é marcar, senón axudar ao equipo, que é o que está facendo.

—Tal e como está na liga, a Copa importa?

—Sempre. A Copa en Vigo ilusiona moito e a min, en particular, moitísimo. É unha competición moi bonita e a Amorebieta temos que ir a gañar como sexa.

—Xa sabe que o Celta nunca pasou da terceira rolda dende que hai o novo formato.

—O vestiario está concienciado de que temos que pasar sexa como sexa. Queremos ofrecerlle á afección un partido de Copa na casa e volver a ilusionalos, porque nos están apoiando moito.

—Cales son os desexos para ao 2024?

—Salvar a categoría como sexa, quedar o máis arriba posible e na Copa facer un grandísimo papel. Sería importante para o club.

«Marián quere facer ben as cousas e nós temos que axudar dende o campo»

O segundo capitán non agocha que lle doe que minguase a presenza de canteiráns no once, pero destaca que se está facendo un gran traballo na base para recuperar o terreo perdido. Tamén eloxia a figura de Marián Mouriño, a nova presidenta.

—Como ve a perda de protagonismo da canteira no once?

—A min dóeme, pero son ciclos, momentos nos que non atopas a xogadores dentro que estean tan preparados. Dende abaixo creo que están facendo un labor incrible e están conseguindo obxectivos para, máis pronto que tarde, estar no primeiro equipo. Non é doado dar o salto, pero hai xogadores que están facendo un traballo moi bo para estar con nós.

—Cando fala dos de abaixo, ve a Claudio Giráldez adestrando o primeiro equipo?

—Por agora, temos a Benítez. Claudio a min non me adestrou, pero falo moito con el, hai anos asistín a algunha charla que deu e gústame como fala e como mira o fútbol. Os xogadores que están con el todos os día fálanme moi ben del. Tamén me gustaría que os adestradores fosen subindo chanzo a chanzo cara os primeiros equipos.

—Como ve a Marián Mouriño de presidenta?

—Moi ben, moi implicada. Xa tivemos algunha reunión con ela, é moi próxima, coma o pai, quere facer moi ben as cousas, está ilusionada co proxecto, quere traballar moito e nós temos que axudarlle dende dentro do campo. É unha muller cunha mentalidade moi positiva.

«Ninguén regala estar aquí os anos que levo eu»

Kevin Vázquez segue o exemplo do hoxe conselleiro Sergio Álvarez. Xogase ou non, sempre quixo sumar, estar preparado para cando chegase a oportunidade e responder no campo. O de Nigrán ten claro que ninguén lle agasallou as seis tempadas que leva no primeiro equipo.

—No persoal, estivo inédito ata a xornada 10 e logo xogouno todo.

—Son situacións. Eu sempre digo que hai que estar dispoñible e preparado para o que toque. Somos un grupo de xente de máis de 20 xogadores e só xogan once de titulares, os que están fóra teñen que arrimar o ombreiro e os que están dentro, seguir traballando para manterse. Por sorte, agora estou xogando e quero aferrarme a iso.

—Cando no xogaba, viña de renovar. Pensaba que podía estar equivocado na decisión de quedar en Vigo?

—Non é doado. Tiña a un xogador que o estaba a facer moi ben e que ten unhas calidades incribles para xogar nesa posición e hai que esperar o momento. Agardei o momento e souben traballar sempre para estar dispoñible para que o adestrador mirase para min cando tocase.

—Está satisfeito co seu rendemento?

—Cando o equipo non está conseguindo puntos, no te fixas en ti mesmo, senón que valoras máis outras cousas. Eu creo que podo dar un pouco máis, pero sempre dende o equilibrio e sabendo as cousas que podes facer.

—Que lle pide Benítez como lateral?

—Que faga o traballo. El coñece as condicións que teño e sei que estou aí polo meu traballo. Ninguén regala nada en Primeira División e pídeme o que se lle pide a un lateral, que dea apoios, solucións, que aperte en defensa e que teña liderado dende atrás, un pouco de todo iso.

—A que é debido ese instinto de supervivencia que fai que sempre se saia coa súa?

—Á insistencia, á persistencia, a non decaer, unha mentalidade positiva, os valores que debe ter a xente do fútbol. Creo que é importante pensar e ir máis alá do fútbol. Ninguén regala nada, tampouco estar aquí os anos que levo eu, e hai que ver con perspectiva todo iso. O traballo diario é fundamental, eu sempre tiven o exemplo de Sergio cando cheguei aquí, que xogase ou non, sempre tiña mentalidade positiva e estaba arrimando o ombreiro e iso hai que transmitilo.

—Quen pensa que foi o adestrador que o apoiou máis?

—Hai moitos. Con Rafa falo moito, Carvalhal chegoume, porque non xoguei moito con el, pero falábame e apreciábame moito. O primeiro adestrador foi Mohamed, que ao principio non sabía como me chamaba; xusto antes de irse xoguei un par de partidos con el e, partir de aí, o conto cambiou. Aí decateime de que podía ser un xogador de Primeira División.

—O seu límite está en 17 partidos nunha tempada en Primeira, o obxectivo será superalos?

—Canto máis, mellor, pero os obxectivos individuais dilúense en canto os colectivos non se cumpren. Dende do vestiario estamos centrados en que temos que sumar, xogando ou non xogando.

—Vese acabando como xogador no Celta ou non?

—Por agora, o ano seguinte téñoo aquí e non penso máis aló deste ano. Só penso en saír da situación na que estamos.

—Apetécelle probar fóra ou ser un home dun solo club tira?

—Iso mola moito, porque ao final, o corazón é celeste e acabar aquí sería moi bonito, pero o futuro non está escrito.