Iván Villar: «Tiñamos que pasar esta eliminatoria como fose»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

AFP7 vía Europa Press | EUROPAPRESS

O gardameta do Celta non agocha que lles gustaría un encontro de Copa en Balaídos logo de eliminar ao Amorebieta

07 ene 2024 . Actualizado a las 20:37 h.

O porteiro titular do Celta en Copa do Rei fronte ao Amorebieta, Iván Villar, amosouse satisfeito polo pase do equipo a oitavos de Copa. «Misión cumprida. Tiñamos que pasar esta eliminatoria como fose. O equipo deu a cara en todo momento e estamos moi contentos por este paso», afondou en declaracións á Radio Galega. Ademais, ten claro que para o seguinte cruce quere que «toque quen toque, que sexa en Balaídos», porque é «unha débeda coa afección».

Sabían que sería un partido complicado e ían coa idea de adaptarse «o máis rápido posible» ao terreo de xogo. «O equipo competiu de principio a fin e seguimos», engade. En canto a que falaron ao descanso para a remontada, comentou que Benítez lles pediu «ser máis prácticos, gañar máis duelos e intentar facer un gol pronto, porque así comezaría a remontada». Para Iván, «isto tamén é fútbol», en referencia a xogar na lama, algo que experimentou especialmente na súa infancia.

Preguntado por Jailson, lembrou que leva poucos días no equipo, pero que están intentando «adaptarse o máis rápido posible e axudar», pois deben estar «todos concentrados, porque isto é longo». Pola súa banda, trata de «aproveitar todos os minutos» que lle dean «e se é con vitoria, mellor».