O equipo e o adestrador, máis cómodos con defensa de tres centrais

ADRIÁN RUBIO VIGO

GRADA DE RÍO

Eduardo Sanz Nieto

Rafa un adestrador bastante metódico, que trata de controlar todas as circunstancias

06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Benítez está exhibindo diferentes rexistros para afrontar os partidos. É un dos adestradores que máis troca en función do rival que ten enfronte. O técnico ten dúas ideas moi marcadas coas súas variantes: os tres centrais e o 4-4-2. Cando aposta pola defensa de catro, case sempre se decanta por un dobre lateral nunha das bandas, que adoita ser Mingueza, e cando fai defensa de cinco, aposta por dous carrileiros. Creo que nestes momentos, é o sistema no que se sinten máis cómodos tanto Benítez como o equipo.

Particularmente, considero a Rafa un adestrador bastante metódico, que trata de controlar todas as circunstancias e o que pode pasar no partido, e creo que xoga moito en función diso; logo, xa me xeran algo de dúbidas as lecturas que fai en determinados momentos de partido. Eu creo que é un entrenador que se fixa moito no rival para decidir o debuxo.

Ata agora, o equipo ten sacado algúns partidos co 4-4-2 pero, ultimamente, eu vexo máis cómodo ao Celta cando ten defensa de cinco. Dá a impresión que se sinte máis arroupado e pensando que pode crecer a partir dunha boa defensa e deixando a portería a cero como fixeron no Sadar. Ademais, o 5-4-1 tamén se pode converter nun sistema bastante ofensivo.

Benítez foi toda a vida un clásico do 4-4-2, pero eu teño unha teoría para a súa evolución táctica: creo que pasou moito tempo sen adestrar e aproveitou para estudar moitísimo o fútbol actual e se ten tempo, e as cousas empezan a funcionar, creo que pode facer algo moi interesante en Vigo.

Tamén hai que reparar no que lle está dando Mingueza ao equipo con este sistema: as asimetrías, algo moi importante no fútbol de hoxe, porque falamos de incursións coas que non conta o rival e que fan dubidar moitísimo a laterais e centrais.