
Unhas das causas de que o Celta encaixe ao final pode ser un aspecto físico, porque o futbolista pode chegar canso aos últimos minutos, pero tamén poder influír o aspecto mental. Por exemplo, pode haber unha relaxación e cando pasa iso, poden vir os despistes e os últimos minutos hai que xogalos coa mesma intensidade que o resto do partido.
Pero cando se repite unha cousa tantas veces, pode ser o que chamamos profecía autocumprida. Porque cando un está pensando que vai pasar, que lle van meter un gol nos últimos minutos, iso leva a que nos comportemos dunha determinada forma e, finalmente, ocorre o que estabamos pensando que ía suceder.
A maiores, este tipo de situacións tamén poden ter que ver con como están colocados os xogadores, que se acaso xa sería máis un aspecto táctico. Hai que ter en conta que se estás prestando atención a uns estímulos que veñen por unha parte e estás descoidando aos que veñen por outra, non pode ser, porque a atención ten que estar dirixida a todas as partes, non podemos prestar só atención un aspecto. Esa é outra fronte a nivel psicolóxico.
Para solucionar este tipo de cuestións, sempre digo que non é cuestión de traballalo no último momento, senón facer unha traballo máis consistente. Penso que se está identificado o problema dos últimos minutos, hai que traballar para evitar estas situacións. Hai que anticipar todas as dificultades que poidan xurdir nos últimos minutos e intentar identificalas. Un córner, por exemplo, pódese traballar e non só a nivel técnico, senón mental. Que pasa? Onde nos imos colocar cada un? A que vai atender cada un? E que imos facer cada un? Débese facer un adestramento a nivel mental para cada tipo destas situacións que poden ocorrer.
Considero, tamén, que é importante traballar estes escenarios, pero sabendo que os partidos nunca van ser o mesmo que un adestramento. Os condicionantes dun partido son outros.